Escoitar

Activado o Plan CAMGAL en Corcubión por unha vertedura de gasóleo ao mar

Esta mañá activouse en Corcubión o Plan Territorial de Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan CAMGAL) ante unha vertedura ao mar duns 4.000 litros de gasóleo.

O combustible provén do depósito subterráneo dun colexio situado na zona do paseo marítimo da localidade, concretamente na rúa Maruxa Mallo. Segundo se lle indicou ao 112, o gasóleo puido filtrarse pola terra ata chegar a un manancial. Todo apunta a que a orixe da vertedura puido deberse á rotura dunha tubaxe. Foi na pasada fin de semana cando se detectaron os primeiros restos de combustible na zona.  

A vertedura está a afectar á praia de Quenxe. A maior parte da mancha concéntrase na area, aínda que tamén chega ao mar. Na zona xa se instalaron barreiras e dispositivos absorbentes para frear a contaminación. Segundo os datos que manexa a central de emerxencias do 112, a vertedura está controlada e concentrada nunha extensión duns 2.000 metros cadrados.

Salvamento Marítimo decidiu activar o Plan CAMGAL ás 10:30 horas desta mañá. Esta medida achega unha resposta máis áxil e coordinada ante este episodio de contaminación, tendo como principal obxectivo a máxima protección das persoas, o ambiente e os bens que poidan resultar afectados pola vertedura. Como medida preventiva, a zona quedou pechada ao marisqueo, aínda que os bancos marisqueiros non se viron danados.

Ademais dos efectivos que están a intervir por terra, na zona permanecen a esta hora dúas embarcacións de Salvamento Marítimo, o buque Irmáns García Nodal e a auxiliar Don Inda.

facebook twitter instagram