Imaxe escoitar Escoitar
Feridos os catro ocupantes dunha avioneta que caeu nunha zona montañosa en Barro
Os catro ocupantes que viaxaban nunha avioneta resultaron feridos este mediodía tras caer esta nunha zona montañosa, á altura do punto quilométrico 119 da AP-9, dirección Santiago, no Concello de Barro. A avioneta, saíra do Aereporto de Peinador e sobrevoaba a ría no momento no que se produciu o accidente. Así o indicou un dos ocupantes feridos ao CAE 112 Galicia e, que ao mesmo tempo aseguraba que a avioneta non ardía e que non estaban atrapados. De inmediato, o 112 Galicia puxo en marcha un operativo no que participan Urxencias Médicas, Salvamento Aéreo, Garda Civil, Policía Autonómica, dúas dotacións dos bombeiros de Ribadumia e Vilagarcía, así como os efectivos de Protección Civil de Barro. Ademais, debido á gravidade do suceso o helicóptero medicalizado con base en Santiago tamén se desprazou ata o lugar, quedando en alerta a aeronave con base en Ourense por si fose preciso. Finalmente, a aeronave con base en Santiago foi a que se desprazou ata o lugar do sinistro para trasladar a un dos feridos de maior gravidade –o piloto- ata o CHUS de Santiago. Os outros tres puideron ser trasladados en ambulancia, dous ao Montecelo de Pontevedra e outro ata o Hospital do Salnés. Foi preciso cortar momentaneamente un carril da AP-9, dirección Coruña para a evacuación dos feridos. Os Aeroportos de Santiago e Peinador, Concello de Barro, Autoestradas da AP-9 e o Servizo de Garda Costas de Galicia tamén formaron parte do dispositivo posto en marcha polo CAE 112 Galicia. Pese a que os feridos xa foron evacuados, os servizos de emerxencia continúan, arestora, traballando no lugar do sinistro. O accidente tivo lugar ás 12:02 horas de hoxe.
 
Liberan a unha persoa falecida tras colidir dous vehículos en Oleiros
Unha persoa faleceu esta mañá tras producirse una colisión entre dos vehículos que circulaban pola VG-1.3, no punto quilométrico 3.600, na curva de Santa Cruz, no termo municipal de Oleiros. O CAE 112 Galicia tivo constancia do accidente tras recibir a chamada de varios particulares que pedían axuda ás 10:37 horas de hoxe. Segundo indicou un dos alertantes, no interior dun dos vehículos había unha persoa inconsciente e atrapada. De inmediato, dende o Centro de Atención ás Emerxencias se puxo en marcha un operativo no que participaron Urxencias Médicas, bombeiros de Arteixo, Garda Civil de Tráfico e efectivos de Protección Civil de Oleiros e de Sada. Finalmente, os efectivos do parque comarcal confirmaron a excarceración dun home de avanzada idade que estaba falecido. Ademais, no outro vehículo viaxaba unha familia, pero afortunadamente, só un varón resultou ferido de carácter leve nun brazo. Dende o 112 Galicia se pediu a intervención do persoal do servizo de limpeza e mantemento da estrada que se encargou da limpeza da vía.

facebook twitter instagram