Escoitar

Unha muller ferida en Ames tras verse implicada nunha colisión entre tres turismos e un camión

Un choque múltiple –tres coches e un camión implicados- saldouse esta mañá cunha muller ferida no concello coruñés de Ames. Foron varios os particulares os que,  ás 08:45 horas deste martes, chamaron  ao 112 Galicia para pedir axuda. Algún dos alertantes aseguraba no seu relato que, aínda que non eran precisos os medios de excarceración si os sanitarios para socorrer a unha moza inconsciente no interior dun dos vehículos.

De inmediato, dende o CIAE pasouse o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias. De igual modo, informouse á Garda Civil de Tráfico e aos membros do GES de Brión.  A intervención do persoal do servizo de mantemento da estrada tamén foi requirido polo persoal do 112 Galicia.

Tras chegar ao punto, os sanitarios confirmaron o trasladado da muller ferida ao Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela.

Motorista grave
Ao fío das 12:00 horas deste mediodía, persoal do 061 informaba ao CIAE dun motorista ferido de gravidade a consecuencia dun choque entre coche e unha moto. Indicaban que unha UVI móbil se dirixía cara o punto, nese intre.

 O accidente ocorreu  en Lavadores, á altura do número 19 da Rúa do Estorniño, na cidade de Vigo. Tras recibir a alerta, o 112 Galicia axiña pasou aviso á Policía Local, que xa tiña constancia do suceso. Os Bombeiros e os efectivos de Protección Civil da cidade tamén foron informados da situación.

Ciclista atropelado
Un ciclista resultou ferido esta mañá despois de ser atropelado por un turismo que circulaba á altura da Rotonda de Cimadevila, en Boiro. Axentes da Policía Local, tras ser alertados por unha persoa particular, informaban ás 10:30 horas do suceso ao 112 Galicia.

Foi a partir de aí, cando dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia (CIAE), se requiriu a intervención do persoal sanitario. Ademais, informouse do acontecido aos Bombeiros de Boiro e aos efectivos de Protección Civil.

O ferido foi trasladado polo persoal sanitario ao centro hospitalario de referencia.

 

Dous feridos leves en senllos accidentes ocorridos en Ribadavia e Cangas

En Ribadavia (Ourense), unha muller resultou ferida despois de colidir dous coches. Aínda que, a ferida non parecía revestir gravidade, foi trasladada ao Centro de Saúde da Localidade. O accidente ocorreu sobre as 10:20 horas desta mañá. Foi a esa hora, cando os servizos sanitarios de urxencia informaban ao 112 Galicia dun choque entre dous turismos na N-120, á altura do Cruce de San Cristovo, en Ribadavia. Indicaban que unha ambulancia se desprazaba ao punto.

Así, dende o CIAE solicitouse a colaboración dos axentes de Tráfico e dos efectivos do GES da localidade. Os Bombeiros do Carballiño tamén foron informados polo persoal do CIAE.

Ferido  en Cangas
Pasados dez minutos das 10:00 horas, tamén de hoxe, o CIAE era informado dunha colisión por alcance tamén entre dous turismos. Igual que no caso anterior, unha persoa resultou ferida de carácter leve, segundo indicaron os servizos de emerxencia desprazados ao punto. Aínda así, foi evacuada polo persoal sanitario ao centro hospitalario de referencia.

O accidente ocorreu en Coiro, na recta da Magdalena, concretamente, na estrada que une as localidades de Cangas e Bueu.

Tras recibir a chamada dun alertante, o persoal do 112 Galicia requiriu decontado a intervención do servizo do persoal sanitario e a dos axentes de Tráfico. Igualmente, informou da situación aos Bombeiros do Morrazo e aos efectivos de Protección Civil de Cangas.

 

 

facebook twitter instagram