Imaxe escoitar Escoitar

Ao menos tres accidentes rexistrados nas estradas galegas por mor do xeo

O CAE 112 Galicia rexistrou esta mañá ao menos tres accidentes de tráfico provocados pola presenza de placas de xeo na calzada.

O máis recente ocorreu arredor das 10:30 horas na  PO- 353, ao paso polo concello pontevedrés do Rosal.

Un turismo saíuse da vía e bateu contra un poste. As persoas que chamaron ao 112 para alertar pediron asistencia médica para un cativo.

Así, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia avisou aos profesionais de Urxencias Médicas e aos técnicos da empresa subministradora do servizo telefónico, pois o poste parteu e quedou tirado na calzada.

Igualmente, os xestores do 112 solicitaron a intervención do equipo de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas para botar sal e desfacer as placas de xeo que se formaron sobre a calzada.

Rescate dunha moza en Mos
O xeo tamén dificultou a circulación na estrada que une Mos con Peinador. Concretamente, no lugar da Arrufana, dous turismos chocaron e unha moza quedou atrapada no interior dun dos vehículos implicados.

O persoal do 112 avisou aos Bombeiros do Baixo Miño, que desbloquearon as portas do coche e sacaron á muller. Unha vez liberada, foi atendida polos servizos sanitarios de urxencia, aínda que, aparentemente, as lesións eran leves.

Saída de vía en Brión
De Mos a Brión. A AC-543 foi escenario doutro accidente provocado pola acumulación de xeo na calzada.

Preto das nove desta mañá, un vehículo saíuse da vía e unha muller resultou ferida. Quexábase de dor no pescozo e foi trasladada polos profesionais de Urxencias Médicas.

Ao igual que nos casos anteriores, os xestores do 112 Galicia pediron a colaboración dos efectivos de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas para a retirada do xeo.

 

Un vehículo caeu por un terraplén de catro metros na Cañiza

Os bombeiros tratan de rescatar a unha muller atrapada dentro dun turismo que caeu por un terraplén na Cañiza.

Foi a propia implicada no accidente quen se puxo en contacto co 112 Galicia para explicar a súa situación. Indicou que está suxeita polo cinto, pero teme que un simple movemento faga que o coche se precipite ao fondo do desnivel.

O accidente rexistrouse hai apenas media hora no lugar dos Formigos, na Cañiza.

Tras recibir a chamada, os xestores do 112 informaron aos Bombeiros de Ponteareas, aos Bombeiros de Vigo e aos axentes da Garda Civil de Tráfico.

Dous motoristas feridos na Baña
Dous motoristas foron evacuados esta mañá logo de sufriren senllos accidentes cos vehículos que conducían.

O suceso ocorreu ás 11:20 horas de hoxe na estrada de Negreira a Santa Comba, ao paso polo concello da Baña.

Segundo se indicou ao 112 Galicia, primeiro, o motorista que ía diante perdeu o control do vehículo e saíuse da vía. A continuación, a moto que lle seguía sofre o mesmo accidente e o condutor cae ao chan.

Ambos os dous foron evacuados por unha ambulancia de Urxencias Médicas, aínda que, ata o lugar do sinistro, tamén acudiu un equipo médico a bordo do helicóptero con base en Santiago de Compostela.

facebook twitter instagram