Tres persoas evacuadas, unha en helicóptero, tras un accidente de tráfico en Caldas de Reis
Unha colisión entre un coche e unha furgoneta ocorrida esta tarde en Caldas de Reis saldouse con tres persoas feridas. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, unha das vítimas tivo que ser trasladada no helicóptero medicalizado con base en Santiago e as outras dúas persoas feridas foron evacuadas en ambulancia.
O accidente tivo lugar na estrada que une Caldas e A Estrada, no cruce de Moraña. O 112 Galicia tivo constancia do sinistro ás 17:45 horas, a través da alerta do 061-Urxencias Sanitarias. Os profesionais sanitarios indicaban que había unha muller atrapada no interior dun dos vehículos implicados.
Acto seguido, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasábase o aviso á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros do Salnés, ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Valga e a Protección Civil.
Unha vez no lugar de accidente, os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento do Salnés comprobaron que a muller xa se atopaba fóra do vehículo accidentado, polo que descartaron utilizar o material de excarceración.
Trasladada en helicóptero unha muller que caeu á auga no peirao de Muros
Unha muller tivo que ser trasladada a un centro hospitalario no helicóptero medicalizado con base en Santiago despois de caer á auga no peirao de Muros.
Os feitos sucederon ao fío das 15:25 horas. Nese momento, o 112 Galicia recibía a alerta do ocorrido a través dun particular. Indicaba que acababan de sacar da auga a unha muller no molle de Muros.
Decontado, o persoal do CIAE 112 Galicia puxo a situación en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, da Policía Local e do GES de Muros.