Escoitar

Unha muller sofre queimaduras no 40% do corpo tras unha explosión de gas na súa cociña

Unha explosión de gas rexistrada nun piso da rúa de Cangas, en Vigo, provocou feridas e queimaduras á dona da vivenda. Segundo os datos facilitados ao 112, a vítima sofre queimaduras no 40% do corpo. Tivo que ser evacuada polos efectivos sanitarios ao Hospital Povisa da cidade. 

A explosión tivo lugar despois de que se producise unha fuga de gas no forno da cociña. A deflagración ocorreu cando a vítima abriu a porta do forno. Con todo, os danos afectan só á cociña da vivenda.

Foron varias as persoas que chamaron ao 112 Galicia tras producirse a explosión, contra as 13:30 horas de hoxe. Acto seguido, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias alertou ao 061-Urxencias Sanitarias e aos Bombeiros de Vigo. Tamén se informou a Protección Civil, á Policía Local e á compañía responsable da subministración do gas. 

O servizo de gas propano xa quedou restablecido. A esta hora, o persoal da empresa do gas continúa no punto revisando a instalación.  

 

Dúas persoas feridas nun choque entre un coche e unha moto no Vicedo

Unha colisión entre unha moto e un coche, rexistrada esta tarde no Vicedo, deixa dúas persoas feridas. Segundo se lle indicou ao 112, o seu estado non reviste gravidade. 

O sinistro produciuse na estrada que conecta Viveiro co Vicedo, á altura da praia de San Román. Foi unha persoa particular a que chamou ao 112 Galicia ás 15:30 horas desta tarde. 

O persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 deu conta dos feitos ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Viveiro, a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico.