Escoitar

Unha persoa perdeu a vida ao quedar debaixo do seu tractor no Valadouro

Unha persoa faleceu tras envorcar o seu tractor e quedar debaixo do vehículo no Valadouro. O corpo sen vida da vítima tivo que ser liberado tras o accidente. Os feitos tiveron lugar nunha finca da parroquia de Santa Cruz do Valadouro, no lugar da Cabanela. O 112 Galicia recibía a alerta por parte de Urxencias Médicas ás 12:50 horas.

Decontado, o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia informaba do sucedido aos Bombeiros de Barreiros, a Protección Civil do Valadouro, ao GES de Cervo e á Garda Civil. Unha vez no punto, os servizos de emerxencias nada puideron facer por salvarlle a vida.

 

Dous nenos feridos nun accidente de tráfico en Salvaterra do Miño

Unha colisión entre unha furgoneta e un turismo en Salvaterra do Miño saldouse con dous nenos feridos leves. O accidente tivo lugar na EP-4101, ao seu paso pola parroquia de Meder, no lugar da Luz. Un particular alertaba do sinistro ao 112 Galicia ás 14:10 horas.

Axiña, o CAE 112 Galicia pasaba o aviso á Policía Local, aos Bombeiros do Baixo Miño, aos Bombeiros de Ponteareas e á Garda Civil de Tráfico, que solicitaba a intervención do servizo de mantemento da estrada debido á presenza na vía  de restos dos vehículos implicados.

 

Arde un alpendre en Abegondo

Un alpendre ardeu esta tarde en Abegondo. No incendio viuse afectado o tellado do silo e queimáronse unhas alpacas de palla. Os feitos ocorreron nunha casa da parroquia de Leiro, no lugar da Rúa. O 112 Galicia recibía a alerta por parte dun particular ás 14:35 horas.

Deseguido, dende o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia informouse do incendio aos Bombeiros de Ordes, cuxa intervención foi descartada, aos Bombeiros de Betanzos, a Protección Civil da localidade e á Garda Civil. Finalmente, o lume quedou sufocado. Ninguén resultou afectado.