Localizado en Tui o corpo sen vida do músico desaparecido no Río Miño
Un veciño atopou esta tarde o cadáver do músico de Salvaterra desaparecido o pasado sábado no Río Miño. O home que o atopou estaba pescando no pantalán náutico de Tui cando avistou un corpo flotando na auga. Eran as 16:45 horas de hoxe. Deseguido, chamou ao 112 Galicia. Os profesionais do Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia informaron aos servizos médicos de urxencia, ás forzas da orde, a Bombeiros Baixo Miño e ao xefe da Comandancia Naval, que mandou unha embarcación ao lugar e sacou o corpo da auga. Tamén acudiron os voluntarios de Protección Civil de Tomiño, que dende o mediodía se incorporaran aos labores de busca. O último que se soubo do músico de Salvaterra é que participara, o pasado sábado, nas Festas do Castelo da Pela, na zona de Monçao, en Portugal. Pouco despois apareceron algunhas das súas pertenzas na beira do Miño. Unha vez que os axentes da Garda Civil comunicaron a súa desaparición, os xestores do 112 Galicia activaron o protocolo especial de coordinación de emerxencias en zona fronteiriza, o ARIEM 112. Isto motivou que se mobilizasen efectivos e recursos de emerxencias de ambas as dúas beiras do río. Mesmo os drons da Axencia Galega de Emerxencias sobrevoaron a zona en varias ocasións ao longo desta semana. A última vez onte.
Os axentes da Garda Civil confirmaron o falecemento do mergullador cambadés
Pouco despois das 13 horas, os axentes da Garda Civil confirmaron o falecemento do mergullador cambadés desaparecido esta mañá mentres pescaba no Ourido. Unha vez recuperado o corpo, foi trasladado ao Porto de Tragrove e, posteriormente, ao Anatómico Forense de Montecelo, en Pontevedra. O falecido era membro da Confraría de Pescadores de Cambados. Levaba mergullado na zona do Ourido, entre Tragove e O Grove, algo máis dunha hora. Ao veren que non emerxía, os compañeiros comezaron a buscalo. O persoal da lonxa cambadesa deu o aviso ao 112 Galicia, que puxo en marcha un operativo. O helicóptero Pesca-I, do Servizo de Gardacostas de Galicia, fixo un primeiro voo sen éxito. Tamén colaboraron os equipos de Salvamento Marítimo a bordo dunha das súas embarcación e foron movilizados os GEAS da Garda Civil. Os voluntarios de Protección Civil de Cambados acudiron cunha lancha pneumática, ao igual que outros mariñeiros da zona.