Imaxe escoitar Escoitar

Unha persoa sufriu lesións graves nunha man a causa dun accidente de tractor en Bergondo

Un home feriuse de gravidade cando manexaba un tractor no lugar de Santa Marta, en Bergondo. O ferido presentaba lesións importantes nunha man e foi evacuado de urxencia ao Hospital da Coruña.

Segundo se indicou ao 112 Galicia, a vítima estaba axudando a un veciño, polo que se descarta que fose un accidente laboral.

Unha persoa particular chamou ao 112 ás 15:20 horas de hoxe para pedir axuda. Os xestores do Centro de Atención ás Emerxencias informaron aos servizos sanitarios de urxencia e aos axentes da Garda Civil. Tamén avisaron aos voluntarios de Protección Civil.

Dous feridos cando cortaban leña
Dúas persoas resultaron feridas de consideración a causa de senllos accidentes domésticos rexistrados en Vila de Cruces e Laza.

O primeiro ocorreu ás 12:15 horas no concello pontevedrés, concretamente, na parroquia de Bodaño.

Unha persoa sufriu un corte cunha motoserra mentres cortaba leña nunha finca da súa propiedade. Os servizos sanitarios de urxencia enviaron ao lugar un equipo a bordo do helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela, que, finalmente, trasladou ao ferido ao Hospital Clínico.

Minutos despois, no lugar de Toro, no concello ourensán de Laza, outra persoa sufriu outro corte nas mesmas circunstancias. Tamén neste caso, os profesionais de Urxencias Médicas optaron por mobilizar o helicóptero con base en Ourense, pero o ferido puido ser trasladado en ambulancia.

 

Unha persoa resultou ferida tras unha colisión entre dous camións na AP-9, en Caldas de Reis

Dous camións colidiron esta tarde na AP-9, ao paso polo concello pontevedrés de Caldas de Reis. Como consecuencia do golpe, un dos camioneiros necesitou asistencia médica.

O accidente rexistrouse ás  14:00 horas de hoxe, á altura do quilómetro 110, en sentido Santiago de Compostela.

No sinistro estaban implicados un camión frigorífico e un portacoches que colidiron por alcance e quedaron parados no medio do carril. A circulación viuse interrompida e mesmo un dos vehículos implicados perdeu un dos coches que transportaba.

Outros condutores chamaron ao 112 Galicia para informar do suceso. Deseguido, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias avisou a Urxencias Médicas, GES de Valga, Bombeiros do Salnés e axentes da Garda Civil de Tráfico.

 

Ardeu acha almacenada nun pendello dunha fábrica de biomasa en Vilasantar

Un lume afectou a unha pequena parte da acha almacenada nun pendello da fábrica de biomasa situada na parroquia de Présaras, en Vilasantar.

O incendio foi sufocado polo persoal da empresa, non obstante, os membros do GES de Curtis e os Bombeiros de Arzúa acudiron ao lugar para asesgurarse que o lume estaba extinguido.

Cando chegaron os servizos de emerxencias, os operarios xa retiraran a maior parte da acha e a estenderon fóra do pendello para acelerar a refrixeración.

Foron os Bombeiros de Arzúa quen alertou ao 112 Galicia arredor das 13:45 horas de hoxe. A partir de aí, os xestores do Centro de Atención ás Emerxencias comunicaron o incendio aos membros do GES de Curtis e aos axentes da Garda Civil. 

facebook twitter instagram