Escuchar

Seis persoas feridas en Padrón nun choque entre catro turismos

Unha colisión múltiple rexistrada hoxe en Padrón sáldase con seis persoas feridas. No accidente víronse implicados catro turismos.

O sinistro tivo lugar na N-550, á altura da Escravitude, en sentido Pontevedra.

Unha persoa particular chamou ao 112 Galicia minutos antes as 14:00 horas de hoxe para dar a voz de alarma. Pola súa banda, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 informou a Urxencias Médicas e ao GES de Padrón. Tamén se alertou á Garda Civil de Tráfico.

Segundo se lle indicou ao 112, os vehículos sinistrados obstaculizaban a calzada, o que condicionou a circulación na zona.

 

Unha colisión en Caldas de Reis deixa tres persoas feridas

Tres persoas resultaron feridas esta tarde nun accidente de tráfico rexistrado en Caldas de Reis. Na colisión víronse implicados dous vehículos.

Máis en detalle, o accidente tivo lugar no quilómetro dous da EP-8001, a vía que enlaza a AP-9 con Catoira.

O 112 Galicia recibía a chamada dunha persoa particular ás 15:30 horas desta tarde. Acto seguido, dende a central do 112 alertouse a Urxencias Médicas e aos Bombeiros do Salnés. Os feitos tamén foron postos en coñecemento de Protección Civil e da Garda Civil de Tráfico.

 

Unha persoa ferida tras caer co coche por un barranco en Riotorto

Unha persoa resultou ferida esta tarde en Riotorto despois de sufrir unha saída de vía. O vehículo no que circulaba caeu por un barranco.

A vítima puido abandonar o coche polos seus propios medios. Foi evacuada polos efectivos sanitarios a un centro hospitalario.

Aconteceu nas inmediacións da rotonda da Cruz da Cancela, na estrada que vai de Lourenzá a Meira. Unha persoa particular alertou dos feitos ao 112 Galicia ás 16:45 horas de hoxe.

Os profesionais da central de emerxencias do 112 alertaron do accidente a Urxencias Médicas, aos Bombeiros de Barreiros e ao GES da Pontenova. A situación tamén foi posta en coñecemento de Protección Civil e da Garda Civil de Tráfico.

Ciclista ferido
Tamén na provincia de Lugo, pero desta volta en Barreiros, un ciclista quedou ferido despois de ser atropelado por un turismo.

O sinistro produciuse na estrada que une Barreiros con Vilamar. O 112 Galicia recibiu un aviso dos Bombeiros de Barreiros dando conta do ocorrido ás 18:15 horas de hoxe. Decontado, dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 informouse a Urxencias Médicas, a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico.