Imaxe escoitar Escoitar

Evacuada en helicóptero unha persoa tras chocar o quad que manexaba contra un camión en Carballeda de Valdeorras

Unha persoa que manexaba un quad no termo municipal ourensán de Carballeda de Valdeorras resultou ferida ao chocar cun camión. A vítima foi trasladada no helicóptero medicalizado con base en Ourense ata un centro hospitalario.

O accidente ocorreu no punto quilométrico 3 da OU-0802, na parroquia de Robledo.

Foi o camioneiro implicado no accidente quen daba a voz de alarma ao 112 Galicia ás 17:00 horas. Indicaba no seu relato que a persoa que conducía o quad estaba mal ferida.

Nese momento, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia requiríase a intervención de 061-Urxencias Sanitarias, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Valdeorras, dos efectivos do GES de Valdeorras e da Policía Local do Barco.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, a persoa que circulaba no quad foi evacuada con vida pola aeronave.

Dúas persoas excarceradas
Por outra banda, dúas persoas tiveron que ser excarceradas polos Bombeiros do Carballiño despois de que o vehículo no que viaxaban se saíse da vía e envorcara na N-525, á altura do pobo de Viduedo, en San Cristovo de Cea.

O 112 Galicia tiña constancia do ocorrido a través da alerta dun particular ás 17:30 horas. Sinalaba que había persoas atrapadas no interior do coche.

Decontado, dende o CIAE 112 Galicia informábase do sinistro a 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros e á Garda Civil de Tráfico.

As vítimas foron trasladadas ao centro médico de referencia.

Accidente cun tractor
Unha muller resultou ferida esta tarde ao chocar o tractor que manexaba contra un muro en Portas. A parede caeu e esmagou á señora, que tivo que ser liberada polos Bombeiros do Salnés.

Os feitos ocorreron no lugar da Quenlla. Ata o punto achegáronse, tras recibir o aviso do 112 Galicia, os técnicos sanitarios de 061-Urxencias Sanitarias, os Bombeiros, os efectivos do GES de Valga, Protección Civil de Portas e Garda Civil. O 112 Galicia informou tamén a Protección Civil de Cuntis.

O 112 Galicia recibiu a alerta a través dun particular ás 18:15 horas.

Finalmente, a señora foi trasladada a un hospital.

Colisión múltiple
Unha colisión entre tres turismos saldouse esta tarde cunha persoa ferida leve en Ourense.  O accidente, que tivo lugar á altura do número 111 da rúa do Progreso, consistiu nun choque en cadea.

Foi un particular quen alertaba do sinistro ao 112 Galicia pasados uns minutos das 13:30 horas. No aviso, solicitaba unha ambulancia para o lugar dos feitos.

Acto seguido, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia informaba do ocorrido a 061-Urxencias Sanitarias, á Policía Local, a Protección Civil e aos Bombeiros de Ourense.

 

A salvo os tres tripulantes dun veleiro francés que sufriu unha vía de auga en Ribeira

Os tres tripulantes dun veleiro francés foron rescatados sans e salvos despois de que a súa embarcación comezara a afundirse en Ribeira. Concretamente, os feitos tiveron lugar a unhas cinco millas da costa de Corrubedo. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o veleiro sufriu unha vía de agua.

O 112 Galicia tivo constancia do ocorrido ás 14:10 horas a través da alerta dun particular que escoitou unha chamada de auxilio por radio.

De inmediato, dende o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso a Salvamento Marítimo, que mobilizou ata a zona a embarcación Salvamar Sargadelos e o helicóptero Pesca I. Os profesionais do 112 Galicia informaron tamén ao Servizo de Gardacostas, á Garda Civil, á Policía Nacional, a 061-Urxencias Sanitarias e ao Grupo de Axuda e Emerxencias Municipal de Ribeira.

Finalmente, un pesqueiro remolcou ao veleiro cos tres tripulantes a bordo ata o porto de Ribeira.

facebook twitter instagram