Unha persoa resultou ferida grave a causa dun choque frontal entre dous turismos
Unha colisión frontal na N-VI, en Lugo, se saldou cunha persoa ferida grave. Como consecuencia do golpe, o ferido quedou atrapado no interior do vehículo no que viaxaba e necesitou a axuda dos bombeiros para saír. Sucedeu pouco despois das catro desta tarde no punto quilométrico 509, no lugar de Ramil, en sentido Coruña. Ademais dos efectivos do parque municipal, ata o lugar do accidente, se desprazaron os axentes da Garda Civil e os técnicos de Urxencias Médicas. As chamadas ao 112 de varios condutores sorprendidos polo golpe permitiron poñer en marcha o operativo, que completaron os membros do servizo de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento. Por outra banda, o CAE 112 Galicia tivo constancia dunha colisión múltiple en Pontecesures. Dúas persoas necesitaron asistencia médica e mesmo foron trasladadas aos centros de refencia en Santiago de Compostela. O accidente se produciu ás 13:30 horas de hoxe na N-550, Rúa José Novo.
Salvamento Marítimo rescata un percebeiro en Valdoviño
Salvamento Marítimo puxo en marcha este mediodía un dispositivo para rescatar un percebeiro no concello coruñés de Valdoviño. O home quedou atrapado cun compañeiro na rocha da Percebelleira, fronte á praia da Frouxeira. Un particular informou da situación ao CAE 112 Galicia minutos antes das 13:00 horas. Indicou que dende terra vía dúas persoas subidas na rocha. Engadiu que unha delas acababa de caer ao mar. O persoal do 112 Galicia alertou a Salvamento Marítimo, que decidiu mobilizar ata o punto ao Helimer 401. O 112 Galicia tamén deu conta dos feitos ao servizo de Gardacostas, ao GES de Mugardos, a Protección Civil de Valdoviño e á Garda Civil. Minutos despois, o mesmo particular volveu contactar co 112 Galicia para indicar que a persoa que caera ao mar dera saído da auga polo seu propio pé. Atopábase en bo estado, polo que se descartou a asistencia sanitaria. O seu compañeiro, que aínda seguía atrapado na rocha, foi rescatado minutos despois polo helicóptero de Salvamento Marítimo. A aeronave deixouno na praia da Frouxeira, xa que tampouco precisou asistencia sanitaria. Tamén en Bergondo, os membros do Servizo Municipal de Protección Civil axudaron a un veciño ao que a subida da marea deixou illado na Praia de Moruxo. O persoal do 112 Galicia informou a Salvamento Marítimo, pero o home saíu da auga sen que fose necesaria a mobilización dos rescatadores. Bastaron as indicacións dos efectivos de Protección Civil. O CAE 112 Galicia rexistrou o suceso ás dúas desta tarde.