Escoitar

Falece un pescador que caeu ao mar en Oleiros

Un pescador perdeu a vida esta tarde en Oleiros. Foi un compañeiro do falecido quen daba a voz de alarma ao 112 Galicia ás 12:55 horas. Indicaba no seu relato que o home caera ao mar xunto ao faro de Mera e que vía o corpo flotar a vinte metros da orilla.

Decontado, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia informouse do ocorrido a Salvamento Marítimo, ao Servizo de Gardacostas, ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil e a Protección Civil.

Segundo se lle indicou ao 112, a embarcación dos socorristas de Mera rescatou ao home inconsciente e posiblemente afogado. Foi trasladado ao porto de Mera, onde se confirmou o seu falecemento.

 

Liberada unha muller despois de caer por un terraplén co seu coche en Aranga

Unha muller foi liberada do interior do seu turismo polos Bombeiros de Betanzos ao caer por un terraplén co seu vehículo en Aranga. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, a dotación tivo que extraer as fiestras do coche para que a vítima puidese saír.

O accidente tivo lugar na desviación sentido Aranga da estrada que une Parada e Congostro.

Foi un particular quen alertaba do sinistro ao 112 Galicia ás 12:35 horas. De inmediato, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia pasábase o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros e aos efectivos do GES de Curtis.

A muller foi trasladada a un centro hospitalario.

Colisión múltiple
Por outra banda, no Pino, unha colisión na que se viron implicados tres turismos saldouse con outras tantas persoas feridas. O sinistro produciuse no punto quilométrico 79 da N-547, dirección Santiago.

O 112 Galicia recibiu a alerta do ocorrido a través dun particular ás 11:35 horas. Acto seguido, o persoal do CIAE 112 Galicia puxo a situación en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros de Arzúa e da Garda Civil de Tráfico.