Imaxe escoitar Escoitar

Un ferido en Mazaricos (Coruña) despois de colidir dous turismos

Unha persoa resultou ferida esta tarde despois de producirse un choque entre dous turismos. O accidente ocorreu pasados uns minutos das 17:30 horas desta tarde, entre o punto quilométrico 70-71 da AC-400, no lugar de San Fins de Eirón.

Ata o lugar desprazáronse os Bombeiros de Santa Comba, que nada mais chegar, confirmaron que ningún dos ocupantes precisaba ser liberado do interior dos turismos. Só un deles resultou ferido. Con todo, non parecía revestir gravidade.

O persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia (CIAE), tras recibir a chamada do alertante, puxo os feitos en coñecemento ademais dos membros do parque comarcal, do 061-Urxencias Sanitarias e do GES de Muros. Tamén, solicitou a colaboración dos axentes de Tráfico e dos efectivos de Protección da localidade.

Debido ao impacto, quedou moito aceite -procedente dos vehículos sinistrados- derramado pola calzada, por iso, tamén foi precisa a intervención do persoal do servizo de mantemento da vía.

Saída de vía
Por outra banda, sobre as 14:30 horas deste mediodía, unha veciña do lugar da Hermida, en Marcón, Pontevedra, solicitaba asistencia para os ocupantes dun vehículo que despois de saírse da vía bateran contra o peche da súa casa. Aseguraba que as persoas puideran saír polos seus propios medios do interior do turismo. Con estes datos, o persoal do CIAE pasou aviso decontado ao 061, aos axentes de Tráfico e da Policía Local, do mesmo xeito, informou aos Bombeiros e efectivos de Protección Civil da cidade.

Tamén, dende o 112 Galicia informouse da situación ao persoal da compañía eléctrica que abastece a zona, posto que debido ao golpe, un poste do tendido eléctrico tamén resultou danado. 

facebook twitter instagram