Imaxe escoitar Escoitar

Seis persoas resultaron feridas a causa dunha colisión múltiple na Ponte de Rande

Unha colisión na que se viron implicados catro turismos deixou seis persoas feridas na Ponte de Rande, ao paso por Moaña.

Catro dos feridos foron trasladados en ambulancias de Urxencias Médicas á Clínica Perpetuo Socorro de Vigo, mentres que os outros dous acudiron a outros centros médicos en ambulancias privadas.

O accidente produciuse ás 15:30 horas de hoxe na AP-9 en sentido Pontevedra. Xusto na saída en dirección á comarca do Morrazo.

Varias persoas particulares chamaron ao 112 Galicia para pedir axuda. Así, os xestores do Centro de Atención ás Emerxencias informaron aos profesionais sanitarios, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros do Morrazo.

Cómpre salientar que os feridos estaban liberados e accesibles e puideron abandonar os vehículos polos seus propios medios.

Dúas persoas feridas na A-55
Entre tanto, en Vigo, outro vehículo se saíu da vía e bateu contra as barreiras de protección cando circulaba pola A-55 en sentido ao centro da cidade. Os dous ocupantes abandonaron o turismo sen problemas, pero, igualmente, necesitaron asistencia médica.

Ademais, o accidente provocou retencións no tráfico, segundo indicaron as persoas que chamaron ao 112 Galicia para informar do suceso.

Coche envorcado en Vigo
Moito antes, sobre as dúas desta tarde, un vehículo que baixaba do Complexo Universitario de Vigo (CUVI) saíuse da vía e envorcou. A muller que conducía quedou atrapada no interior e os xestores do 112 Galicia avisaron aos bombeiros da cidade.

Finalmente, a ferida abandonou o coche coa axuda dos servizos sanitarios de urxencia e descartaron empregar o equipo de excarceración.

Tras unha primeira valoración, a muller foi trasladada ao centro hospitalario de referencia nunha ambulancia de Urxencias Médicas.

Un ferido en Gondomar
Por último, unha persoa resultou ferida tras un choque entre dous turismos en Chaín, Gondomar.

Ata o lugar desprazáronse os membros do GES do Val Miñor e Urxencias Médicas.

 

O helicóptero trasladou ao condutor dun tractor que envorcou en Arzúa esta mañá

O helicóptero medicalizado con base en Santiago trasladou ao condutor do tractor envorcado esta mañá en Pregontoño, Arzúa.

O accidente produciuse ás 12:30 horas de hoxe. Segundo explicaron os efectivos de emerxencias, o ferido quedou atrapado debaixo do seu tractor tras envorcar nun regato na parroquia arzuana de Burres.

Os xestores do 112 Galicia informaron decontado aos bombeiros e aos voluntarios de Protección Civil da vila, que liberaron ao ferido.

Pola súa banda, os profesionais de Urxencias Médicas trataron de estabilizalo e, pouco despois, era trasladado ao hospital de Santiago polo helicóptero medicalizado.

Como consecuencia do accidente, verteuse unha pequena cantidade de aceite e líquido anticonxelante que sen problema contiveron os servizos de emerxencias.

facebook twitter instagram