Imaxe escoitar Escoitar

Unha persoa faleceu en Begonte a causa dun accidente de tráfico

Un motorista perdeu a vida esta tarde tras colidir o seu vehículo cun camión en Begonte. O accidente produciuse ás 17:35 horas de hoxe na LU-111, concretamente, no lugar de Damil.

Foi un dos implicados no accidente quen informou ao 112 Galicia. Indicou que o motorista estaba liberado e accesible, pero necesitaba asistencia médica urxente. Un equipo médico desprazouse ao lugar do sinistro, pero nada puideron facer por salvar a vida do home.

Pola súa banda, o persoal do 112 Galicia avisou aos Bombeiros de Vilalba, GES de Guitiriz e axentes da Garda Civil de Tráfico.

Restablecida a circulación na AP-9
A circulación quedou restablecida na AP-9 despois de que esta mañá colidiran dous camións ao paso por Abegondo. Así o comunicaron ao 112 os axentes da Garda Civil de Tráfico.

Como consecuencia do golpe, un dos condutores quedou atrapado no interior do seu vehículo e a circulación viuse interrompida.

O ferido foi liberado polos Bombeiros de Ordes e o tráfico estivo cortado ata as 14:30 horas de hoxe, mentres duraron as labores de limpeza da vía.

Motorista ferido en Teo
Por outra banda, en Teo, outro motorista resultou ferido despois de chocar o seu vehículo cun turismo na estrada de Milladoiro a Solláns.

Ata o lugar do accidente desprazouse un equipo médico a bordo do helicóptero con base en Santiago de Compostela. Finalmente, o ferido puido ser trasladado en ambulancia.

 

Rescatada unha persoa que caeu ao río co seu vehículo en Lourenzá

Os servizos de emerxencias sacaron a unha persoa dun vehículo que caeu ao río. Ocorreu ás 14:45 horas de hoxe na recta de San Tomé, dentro do termo municipal de Lourenzá.

A persoa que chamou ao 112 para alertar explicou que o turismo se saíu da vía e caeu dunha ponte ao río. Así, os xestores do Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia pediron a colaboración dos Bombeiros de Barreiros, dos membros do GES da Pontenova e dos axentes da Garda Civil de Tráfico.

O ferido, aínda que estaba liberado, foi axudado polos servizos de emerxencias e posteriormente trasladado nunha ambulancia de Urxencias Médicas ao Hospital da Costa.

 

facebook twitter instagram