Escoitar

Un accidente entre tres camións provoca retencións na Ponte de Rande

Unha persoa resultou ferida esta tarde nunha colisión entre tres camións rexistrada na AP-9. O sinistro tivo lugar na Ponte de Rande, en dirección Santiago. Segundo se lle indicou ao 112, o estado do camioneiro ferido non reviste gravidade.

O 112 Galicia recibía o aviso dunha persoa particular ás 16:00 horas desta tarde. Os profesionais do Centro de Atención ás Emerxencias alertaron a Urxencias Médicas e aos Bombeiros do Morrazo. Tamén se informou a Protección Civil, á Garda Civil de Tráfico e aos xestores da Autoestrada do Atlántico.

Tras o sinistro, a circulación en sentido Santiago quedou cortada por completo durante pouco máis de dez minutos. A esta hora, os dous carrís reabriron xa ao tráfico, aínda que na zona estanse a rexistrar retencións de consideración.

 

Dúas persoas feridas tras dúas colisións múltiples en Sigüeiro

Dúas persoas resultaron feridas en dúas colisións múltiples rexistradas esta tarde na N-550, ao seu paso pola localidade de Sigüeiro. En total, víronse afectados sete vehículos.

No termo municipal de Santiago, á altura do cuartel da Garda Civil de Sigüeiro, unha persoa resultou ferida nun choque múltiple no que se viron implicados catro coches. O 112 Galicia recibía o aviso dos feitos ás 15:40 horas desta tarde.

Dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertouse a Urxencias Médicas e aos Bombeiros de Santiago e de Ordes. Tamén se informou a Protección Civil de Santiago, á Policía Local de Oroso e á Garda Civil de Tráfico.

Oroso
Tamén en Sigüeiro, pero neste caso dentro dos límites do concello de Oroso, outra colisión na que se viron implicados tres vehículos sáldase con outra persoa ferida. O seu estado, segundo se lle indicou ao 112 Galicia, non reviste gravidade.

A colisión tivo lugar no quilómetro 49, a escasos metros da ponte sobre o río Tambre. Unha persoa particular contactaba co 112 ás 14:30 horas desta tarde para informar do sinistro. Decontado, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 informou a Urxencias Médicas e aos Bombeiros de Ordes. Tamén se alertou a Protección Civil, Policía Local e á Garda Civil de Tráfico.

 

Tres coches implicados nunha colisión en Ferrol

Tres vehículos víronse involucrados esta tarde nunha colisión rexistrada en Ferrol. O sinistro tivo lugar no enlace da AP-9 coa FE-15, nas inmediacións do Sino.

Unha persoa particular solicitoulle ao 112 asistencia sanitaria para unha nena que viaxaba nun dos vehículos implicados. A menor foi sometida a unha revisión, pero en principio non presenta feridas de gravidade.

O 112 Galicia recibía o aviso dos feitos ás 18:00 horas. Informouse a Urxencias Médicas e aos Bombeiros de Ferrol. A situación tamén foi posta en coñecemento de Protección Civil, da Policía Local e da Garda Civil de Tráfico. 

facebook twitter instagram