Escoitar

Morre un neno en Lobeira atropelado polo tractor que manexaba o seu bisavó

Un neno de cinco anos faleceu esta tarde en Lobeira ao ser atropelado por un tractor. O seu propio bisavó conducía a máquina no momento no que se produciron os feitos. O corpo do menor quedou atrapado debaixo dunha fresadora. Tivo que ser excarcerado polos efectivos do GES de Lobios.

O atropelo mortal produciuse nunha leira de Gaiás, na parroquia de Santa Cruz de Grou.

O 112 Galicia tivo constancia da situación ás 17:30 horas desta tarde, a través da alerta de Urxencias Médicas. Ata o punto foi mobilizado o helicóptero medicalizado con base en Ourense e unha ambulancia. Con todo, os efectivos sanitarios só puideron confirmar o falecemento do menor.

O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 informou ao GES de Lobios e á Garda Civil. Os profesionais do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) tamén recibiron o aviso do 112 Galicia, para atender aos familiares da vítima. Un equipo de psicólogos xa foi mobilizado ao lugar do accidente.

 

Dúas persoas feridas nunha saída de vía na Capela

Unha saída de vía rexistrada na Capela deixa dúas persoas feridas. As vítimas foron evacuadas polos efectivos sanitarios a un centro hospitalario.

O accidente produciuse na AC-564, a estrada que une Pontedeume coas Pontes, á altura da parroquia de Goente.

Unha persoa particular alertaba do ocorrido ao 112 Galicia ás 12:30 horas desta mañá. Dende a central de emerxencias do 112 informouse a Urxencias Médicas e aos Bombeiros do Eume. A situación tamén foi posta en coñecemento de Protección Civil e da Garda Civil de Tráfico.

Colisión en Carral
Outras dúas persoas resultaron feridas esta tarde en Carral nun choque entre dous vehículos. O sinistro rexistrouse na N-550, á altura do lugar de Ans.

O 112 Galicia recibía a chamada dunha persoa particular ás 12:45 horas desta mañá. Acto seguido, o persoal do CAE 112 alertou a Urxencias Médicas e aos Bombeiros de Arteixo. Tamén se informou a Protección Civil, á Policía Local e á Garda Civil de Tráfico.

As dúas persoas feridas foron trasladadas a un centro hospitalario.

 

Arden dúas casas abandonadas en Santiago

Os efectivos de emerxencias continúan traballando a esta hora na extinción dun incendio declarado en dúas casas abandonadas de Santiago. As vivendas afectadas sitúanse preto da Praza da Nosa Señora da Mercé, na parroquia de Conxo.

Varias persoas particulares contactaron co 112 Galicia ás 16:30 horas desta tarde para dar conta do lume. Segundo indicaron, estaba a saír moito fume das casas.

Os profesionais do Centro de Atención ás Emerxencias informaron aos Bombeiros de Santiago. Tamén se alertou a Protección Civil, á Policía Local e á Policía Nacional. Polo momento, non hai constancia de ningunha persoa afectada.