Escoitar

Desaloxan un Centro de Día e un edificio na Coruña ao arder un cadro eléctrico

Un incendio nun cadro eléctrico dun edificio situado na Ronda de Outeiro, na Coruña, obrigou a desaloxar o Centro de Día da Sagrada Familia, situado a escasos metros.

Aínda que ninguén se viu afectado, os responsables do centro decidiron evacuar a todas as persoas que estaban no seu interior, dada a gran cantidade de fume.

Os residentes dos pisos do edificio onde se declarou o incendio tamén decidiron abandonar as súas vivendas. Algunha desas persoas alertaron da situación ao 112 ao fío das 14:00 horas desta tarde. Segundo relataron, o fume entrou en varias vivendas e tamén no Centro de Día a través dos condutos de ventilación.

O persoal do 112 Galicia alertou aos Bombeiros da Coruña e a Urxencias Médicas, aínda que finalmente ninguén precisou asistencia sanitaria. Tamén se informou a Protección Civil e á Policía Local.

Os Bombeiros confirmáronlle ao 112 que o lume afectou unicamente a un cadro eléctrico situado nun cuarto de contadores. Entre as causas que puideron provocar o incendio, barállase a posibilidade dun sobrequecemento.

 

Un traballador dunha empresa de Bueu corta tres dedos

Accidente laboral en Bueu. Un traballador dunha empresa de madeiras sufriu a amputación de tres dedos dunha man. A vítima cortouse cunha ferramenta.

Os feitos tiveron lugar nas instalacións da empresa, situada na Avenida de Marín. Un dos traballadores do centro, e familiar da vítima, contactou co 112 Galicia ás 17:00 horas desta tarde para explicar a situación. Dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertouse a Urxencias Médicas. Os feitos tamén foron postos en coñecemento de Protección Civil e da Policía Local.