Imaxe escoitar Escoitar

Atopan os cadáveres de dous anciáns nunha casa de Rábade

As forzas da orde investigan a aparición dos corpos sen vida de dous nonaxenarios nunha vivenda de Rábade. Os cadáveres da parella foron atopados por unha dotación dos Bombeiros no interior da súa casa, situada na rúa Alcalde Ángel Penas.

Responsables do Concello de Rábade alertaron da situación ao 112 Galicia ás 14:15 horas desta tarde. Segundo detallaron, un irmán do varón falecido púxose en contacto cos servizos sociais municipais para indicar que non sabía nada dos seus familiares dende había días. Engadiu que cría que lles puidera ter ocorrido algo, xa que non respondían ás súas chamadas telefónicas dende o pasado luns.  

Con estes datos, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 estableceu comunicación cos Bombeiros de Vilalba, con Urxencias Médicas e coa Garda Civil. Tras acceder ao inmoble, os Bombeiros encontraron os corpos das dúas persoas ás 15:00 horas desta tarde tendidos no corredor da vivenda. Segundo se indicou ao 112, os corpos non presentaban signos de violencia. Todo apunta a que as vítimas puideron resultar intoxicadas por un escape de gas. Con todo, as medicións realizadas hoxe deron resultado negativo.

 

Cinco persoas feridas nunha colisión múltiple na A-55

Unha colisión por alcance entre tres vehículos rexistrada na A-55, ao seu paso polo Porriño, deixa cinco persoas feridas. Todas as vítimas foron evacuadas polos efectivos sanitarios a un centro hospitalario.

O sinistro tivo lugar no quilómetro 18 da autovía, en sentido Vigo. Unha persoa particular alertaba do accidente ao 112 Galicia ás 14:20 horas desta tarde. Segundo indicou, un dos vehículos implicados interrompía a circulación nun dos carrís.

O persoal da central de emerxencias do 112 informou a Urxencias Médicas e aos Bombeiros do Baixo Miño. A situación tamén foi posta en coñecemento de Protección Civil e da Garda Civil de Tráfico.

 

Liberan unha muller en Ordes tras envorcar o coche no que viaxaba

Unha muller foi excarcerada esta tarde en Ordes despois de sufrir un accidente de tráfico. O vehículo no que circulaba por unha estrada da parroquia de Mercurín envorcou.

Unha persoa particular chamou ao 112 Galicia minutos despois das 16:00 horas desta tarde para dar conta da situación. Dende o Centro de Atención ás Emerxencias informouse aos Bombeiros de Ordes, que se desprazaron ao punto cun equipo de excarceración. Tamén se alertou a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico.

Accidente en Santiago
En Santiago, mentres, os dous ocupantes dun coche resultaron ilesos tras caer ao río Sarela co seu vehículo.

O sinistro tivo lugar na Rúa do Bidueiro, na parroquia de Vidán. Unha muller contactaba co 112 Galicia ás 12:45 horas de hoxe para dar conta dos feitos.

Os profesionais da central de emerxencias do 112 alertaron do accidente a Protección Civil e á Policía Local.

 

Rescatan un home na Pontenova logo de caer por un desnivel

Un home acaba de ser rescatado polos efectivos de emerxencia tras caer por un desnivel na Pontenova. A vítima precisou asistencia sanitaria.

Os feitos tiveron lugar no casco urbano da localidade, nas proximidades do quilómetro 37 da estrada N-640. O 112 Galicia tivo constancia da situación ás 18:20 horas, a través do aviso da Garda Civil.

Dende o 112 Galicia informouse aos Bombeiros de Barreiros e ao GES da Pontenova. Tamén se alertou a Urxencias Médicas e a Protección Civil.

A vítima acabou sendo rescatada por un equipo do GES da Pontenova.

 

Restablecida a circulación ferroviaria en Mos

A circulación ferroviaria entre O Porriño e Vigo volveu á normalidade minutos antes das 15:00 horas desta tarde. A liña viuse afectada esta mañá á altura de Mos por un desprendemento dun cable sustentador da catenaria.

O 112 Galicia tivo constancia da situación ás 12:00 horas desta mañá, a través da alerta da Policía Local. Os profesionais da central de emerxencias alertaron decontado ao persoal do Adif, que se desprazou ata o punto para solucionar a avaría. 

facebook twitter instagram