Escoitar

Continúa o operativo de rescate dun home no río Sil

A esta hora segue en marcha un operativo para rescatar un home arrastrado polo río Sil, no concello do Barco de Valdeorras. Un particular chamou ao 112 Galicia ás 16:00 horas desta tarde para informar de que había unha persoa pedindo axuda na contorna da Ponte da Raña. Segundo explicou ao persoal do 112 Galicia, o home estaba sendo arrastrado pola corrente río abaixo. Engadiu que o tentou seguir pola beira do río, pero que o acabou perdendo de vista. Os profesionais do CAE 112 Galicia puxeron todos estes datos en coñecemento dos Bombeiros de Valdeorras, de Urxencias Médicas, do GES do Barco, da Policía Local, de Protección Civil e da Garda Civil. Decontado, púxose en marcha un operativo de rescate por terra e tamén pola auga. Os Bombeiros peitearon a zona cunha zodiac, mentres que os efectivos do GES e de Protección Civil rastrexaron a contorna do río entre os lugares do Salgueiral e Vilamarín. Os GES acabaron localizando o home nunha zona de moita maleza e difícil acceso. Os Bombeiros continúan arestora co dispositivo de rescate.

 

Trasladada unha muller despois de incendiarse a súa casa no Saviñao

Unha muller foi trasladada hoxe ao Hospital Comarcal de Monforte despois de declararse un incendio na súa vivenda do Saviñao, na provincia de Lugo. A muller sufriu unha intoxicación. O lume iniciouse nun salón e estendeuse a unha habitación. Tamén sufriu danos a fachada do inmoble, dende a que podería desprenderse algún cascallo. Un particular contactou co 112 Galicia ás 13:30 horas. Indicou que vía saír lapas do segundo andar dun edificio situado na rúa de Pardo Bazán, no lugar de Escairón. Os profesionais do CAE 112 Galicia informaron aos Bombeiros de Chantada, a Urxencias Médicas e á Garda Civil. Ademais, foron mobilizados os Bombeiros de Monforte, que tamén participaron nas tarefas de extinción. O incendio quedou controlado unha hora despois de declararse. Durante a tarde achegáronse ata o lugar técnicos municipais para avaliar os danos causados polo lume na fachada. A contorna do edificio quedou acordoada ante o risco de que se produzan desprendementos.