Imaxe escoitar Escoitar

Rescatan un percebeiro en Laxe

Un percebeiro foi rescatado esta tarde no concello coruñés de Laxe despois de caer ao mar. O home, veciño de Malpica, precipitouse á auga nunha zona de rochas, entre Punta Mundiña e Punta Padrón. A vítima levou un forte golpe na cabeza, aínda que permaneceu consciente en todo momento. Tivo que ser rescatado polo helicóptero Helimer 209.

Un compañeiro que traballaba con el deu a voz de alarma ao 112 Galicia ás 14:00 horas de hoxe. Indicou que os feitos tiveran lugar nun punto de moi difícil acceso. O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 Galicia informou da situación a Urxencias Médicas, a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia. Tamén se alertou aos Bombeiros de Carballo, ao GES de Ponteceso, a Protección Civil e á Policía Local.

Dende o lugar, os Bombeiros indicaron que era imposible rescatar por terra ao percebeiro, polo que tivo que intervir o Helimer 209. Ata a zona tamén se desprazou o helicóptero medicalizado con base en Santiago. O equipo sanitario desa aeronave prestoulle asistencia sanitaria ao home, antes de ser evacuado. Foi trasladado nunha ambulancia ao Hospital Virxe da Xunqueira de Cee. 

facebook twitter instagram