Imaxe escoitar Escoitar

Unha persoa ferida nun choque múltiple en Vilagarcía

Unha colisión entre tres coches deixa unha persoa ferida en Vilagarcía de Arousa. O sinistro tivo lugar na Avenida de Cambados, preto da intersección do Barrio das Pistas.

A persoa ferida precisou axuda para saír do seu vehículo, aínda que non tivo que ser excarcerada. Recibiu asistencia sanitaria no punto.

O 112 Galicia tivo constancia do accidente múltiple ás 15:00 horas de hoxe, a través da alerta de Urxencias Médicas. Dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 avisouse aos Bombeiros do Salnés, Emerxencias de Vilagarcía, Protección Civil e Policía Local.

Ciclista atropelado
En Oleiros, entre tanto, un ciclista tivo que ser evacuado esta tarde a un centro hospitalario despois de ser atropelado por un coche.

O accidente rexistrouse en San Pedro de Nós, na Avenida Salvador Allende. Urxencias Médicas alertaba do atropelo ao 112 Galicia ás 16:45 horas desta tarde. Os xestores do CAE 112 deron conta do acontecido aos Bombeiros de Arteixo, a Protección Civil e á Policía Local.

 

Unha mariscadora ferida na Guarda ao recibir un golpe de mar

Accidente laboral na Guarda. Unha mariscadora resultou ferida esta tarde ao recibir un golpe de mar. A muller estaba a traballar nunha zona próxima ao Club de Remo cando recibiu o impacto dunha onda, rompéndolle unha perna.

A propia vítima chamou ao 112 Galicia minutos despois das 15:00 horas de hoxe. Segundo relatou, as súas compañeiras a axudaran a saír da auga. Dende o Centro de Atención ás Emerxencias se informou a Urxencias Médicas e ao GES da Guarda. Tamén se alertou a Protección Civil e á Policía Local.

Segundo se lle indicou ao 112, a mariscadora foi trasladada ao PAC da localidade, onde recibiu asistencia sanitaria.

 

Arde un tractor nunha leira de Vilalba

Un tractor ardeu por completo esta tarde en Vilalba. O lume declarouse cando a máquina estaba a traballar nunha leira da parroquia de Lanzós, situada ao carón da A-8.

Varias persoas particulares alertaban da situación ao 112 Galicia. A primeira delas púxose en contacto co Centro de Atención ás Emerxencias minutos antes das 17:00 horas de hoxe. Decontado, os seus profesionais informaron  aos Bombeiros de Vilalba, que se desprazaron ata o punto. A situación tamén foi posta en coñecemento de Protección Civil e da Garda Civil.

O lume quedou extinguido contra as 18:30 horas desta tarde. 

facebook twitter instagram