Escoitar
Un operativo de rescate busca a un pescador que caeu ao mar en Ribeira
Un pescador caeu ao mar cando se atopaba nunhas rochas no lugar de Couso, nunha zona próxima ás cetarias, no concello coruñés de Ribeira. Tras recibir a alerta dun particular pasados uns minutos das 17:00 horas desta tarde, o CAE 112 Galicia informou a Salvamento Marítimo, que puxo en marcha un operativo de rescate no que mobilizou o helicóptero Pesca I e unha embarcación. Ademais, o 112 Galicia informou aos efectivos de Protección Civil de Ribeira, ao grupo local de emerxencias, ao Servizo Gardacostas de Galicia e á Policía Local. Nestes momentos, o operativo segue na busca do pescador.
 
Tres persoas quedaron atrapadas nos seus vehículos en dous accidentes en Guntín e Coirós
Un camión cisterna, que transportaba leite, e un vehículo colidiron na estrada N-540, punto quilométrico 13, ao paso polo concello lucense de Guntín. As dúas persoas que circulaban no turismo quedaron atrapadas, mais os axentes da Garda Civil de Tráfico confirmaron que puideron liberalas e non foi necesaria a excarceración. Aínda así, os efectivos do parque comarcal de Chantada e de Vilalba foron informados polo CAE 112 Galicia, tras recibir a alerta de varios particulares, por se era necesaria a súa intervención. Ademais, informouse Urxencias Médicas, que mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Ourense. Os Bombeiros de Lugo, os GES de Guitiriz e de Monterroso e os efectivos de Protección Civil de Friol e Portomarín tamén foron alertados. O suceso tivo lugar ao fío das 15:30 horas de hoxe. Por outra banda, no concello coruñés de Coirós, unha persoa tamén quedou atrapada no seu vehículo ao envorcar tras sufrir unha saída de vía cando circulaba pola A-6, en sentido A Coruña. Neste caso, tampouco foi necesaria a excarceración e a persoa foi liberada por un particular, segundo relatou o alertante que deu o aviso ao 112 Galicia minutos antes das 16:30 horas desta tarde. De seguido, pasouse aviso Urxencias Médicas, á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Betanzos e ao servizo de mantemento da vía.
 
A fachada dunha vivenda derrubouse en Betanzos sen causar feridos
A fachada dunha vivenda derrubouse esta tarde na rúa Mandeo de Betanzos e, afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais. Tratábase dunha casa deshabitada, segundo relatou o particular que informou ao 112 Galicia ás 16:30 horas de hoxe. De seguido, solicitouse a intervención dos axentes da Policía Local, que acordoaron e sinalizaron a zona onde se produciu o derrubamento. Ademais, informouse aos Bombeiros e a Protección Civil de Betanzos.