Escoitar

Tres persoas feridas, dúas delas de gravidade, nunha colisión frontal en Nogueira de Ramuín

Unha colisión frontal que tivo lugar esta tarde en Nogueira de Ramuín saldouse con tres persoas feridas, dúas delas de gravidade.  Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, os Bombeiros de San Cibrao das Viñas tiveron que excarcerar a dúas persoas que quedaron atrapadas no interior dos dous turismos implicados no accidente.

O sinistro ocorreu no punto quilométrico 555 da N-120 e provocou que a circulación estivese condicionada.

 Ao fío das 16:30 horas, un particular contactaba co 112 Galicia para dar conta do accidente.

Decontado, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasaba o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, que mobilizou ata o lugar do sinistro ao helicóptero medicalizado con base en Ourense. Ademais, dende o CIAE puxéronse os feitos en coñecemento dos Bombeiros de San Cibrao das Viñas e de Ourense, do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) do Pereiro de Aguiar, da Garda Civil de Tráfico e de Protección Civil de Nogueira de Ramuín.

Neste momento, os servizos de emerxencias continúan traballando no lugar do accidente. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, as tres persoas feridas no sinistro foron trasladadas en ambulancia ata o centro hospitalario de referencia.

Colisión entre turismo e autobús
Por outra banda, en Vigo, un home resultou ferido ao colidir o turismo no que circulaba contra un autobús. Os feitos producíronse na Avenida de Madrid, ás 17:00 horas.

Foi o propio condutor do coche quen alertaba do ocorrido ao 112 Galicia.

A partir de aí, dende o CIAE informouse do sucedido ao 061-Urxencias Sanitarias, á Policía Local, a Protección Civil e aos Bombeiros de Vigo.

facebook twitter instagram