Escoitar

Nai e filla, feridas tras ser atropelado por un coche sen freos en Gondomar

Dúas persoas resultaron feridas hoxe en Gondomar tras ser atropeladas por un vehículo. O coche quedou sen freos e levou por diante a unha muller e a súa filla, menor de idade. No momento no que se produciron os feitos, no interior do coche non había ninguén.

O atropelo tivo lugar a Avenida do Tranvía, á altura dun colexio. Unha persoa particular alertou da situación ao 112 Galicia ás 14:00 horas desta tarde.

O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 informou do ocorrido a Urxencias Médicas e aos Bombeiros do Baixo Miño. Tamén se alertou ao GES do Val Miñor, a Protección Civil, á Policía Local e á Policía Autonómica.

Os efectivos sanitarios mobilizaron unha ambulancia ata o punto para asistir á muller e á menor.

 

Unha persoa ferida ao saírse da vía, bater contra un poste e dar varias voltas de campá

Unha persoa resultou ferida de carácter leve na Capela tras sufrir unha saída de vía. O seu vehículo esnafrouse contra un poste do alumeado público e acabou dando varias voltas de campá. Con todo, a vítima puido abandonar o turismo polos seus propios medios.

O sinistro aconteceu na estrada que una Cabanas coas Pontes.

Unha persoa particular informou do accidente ao 112 Galicia minutos antes das 16:30 horas desta tarde. Instantes despois tamén se poñía en contacto coa central de emerxencias o condutor do vehículo accidentado, para alertar de que despois de chocar contra o poste, os cables do tendido eléctrico caeran sobre o vehículo.

Dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 informouse a Urxencias Médicas e aos Bombeiros do Eume. Os feitos tamén foron postos en coñecemento da Garda Civil de Tráfico.

 

Un obreiro, ferido ao caer nun pozo en Noia

Un operario resultou ferido esta tarde en Noia tras caer nun pozo duns catro metros de profundidade. En concreto, o accidente laboral produciuse nunha propiedade da rúa de Rodríguez Cadarso.

Segundo se lle indicou ao 112, a vítima foi rescatada polos efectivos de Protección Civil, que acudiron ao lugar alertados por unha persoa particular.

O 112 Galicia tivo coñecemento do ocorrido ás 17:10 horas desta tarde, a través dun aviso dos propios membros de Protección Civil. Pola súa banda, dende a central do 112 alertouse a Urxencias Médicas e á Garda Civil.

 

Arde un camión na AP-9, en Oroso

Un camión que transportaba peixe ardeu esta tarde na AP-9, á altura de Oroso. O lume calcinou boa parte do remolque do vehículo. Con todo, ningunha persoa resultou ferida.

Os feitos aconteceron á altura da peaxe de Sigüeiro, en sentido norte.

Varias persoas particulares chamaron ao 112 Galicia para dar conta da situación. A primeira delas púxose en contacto coa central de emerxencias ás 14:10 horas desta tarde. Segundo explicou o camioneiro estaba xa fóra de vehículo.

Dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 informouse aos Bombeiros de Ordes, a Protección Civil, á Policía Local, á Garda Civil e á Garda Civil de Tráfico.

A intensa fumareda condicionou a circulación na zona. O camión transportaba no seu remolque un depósito con 150 litros de gasóleo, que non se viu afectado polas lapas.

facebook twitter instagram