Escoitar

Evacuado en helicóptero un veciño de Vila de Cruces, ferido tras sufrir un accidente co tractor que manexaba

Un home resultou ferido grave tras sufrir un accidente co tractor que manexaba no lugar de Beuvas, na parroquia cruceña de Añobre.

Ata o lugar do accidente desprazouse o helicóptero medicalizado con base en Ourense, que trasladou ao ferido ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o accidente produciuse pouco antes das catro desta tarde cando o tractor caeu por un desnivel e o condutor resultou ferido gravemente.

Pese ao golpe, o home estaba liberado e accesible, polo que descartouse a intervención dos equipos de rescate. Igualmente, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 pasouse aviso aos bombeiros do Deza, así como aos membros do GES de Lalín e Protección Civil de Vila de Cruces.

Ferido un traballador en Bande
Tamén na provincia de Ourense rexistrouse esta tarde un accidente laboral no que se viu implicado un traballador portugués ao que lle caeu unha póla enriba cando cortaba unha árbore.

Sucedeu ás 15:30 horas na estrada que une o concello de Bande con Celanova e ata alí se dirixiron os profesionais do 061-Urxencias Sanitarias e os axentes da Garda Civil alertados polo 112 Galicia.

Tamén foron avisados os membros do GES de Muíños, aínda que a persoa xa fora liberada cando chegaron os equipos de emerxencias.

 

Unha persoa resultou intoxicada tras inhalar fume dun incendio rexistrado no baixo do SPA María Pita

Unha persoa resultou intoxicada esta tarde a causa da inhalación de fume dun incendio orixinado no baixo do SPA de María Pita, na Coruña.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o lume produciuse ás 17:30 horas de hoxe e ata ao lugar acudiu un equipo do 061-Urxencias Sanitarias para atender a unha persoa con síntomas de intoxicación por inhalación de fume.

Finalmente, a persoa afectada foi trasladada ao Hospital San Rafael mentres que os bombeiros da cidade permanecían no punto para a extinción das lapas.

 

Os servizos de emerxencias dan cun grupo de excursionistas que se perdeu cando realizaban a ruta do Río Mao

Os servizos de emerxencias atoparon en perfecto estado de saúde a un grupo de excursionistas que se perdeu cando percorrían a ruta do Río Mao, na Ribeira Sacra.

As persoas foron localizadas nunha zona escarpada despois de deixar tras de si a Fábrica da Luz e a Necrópole de San Lourenzo.

Co fin de facilitar a súa localización, os excursionistas servíronse do whatsapp para envíar ao 112 Galicia as coordenadas da súa posición. Igualmente, os membros do GES de Castro Caldelas aseguraron coñecer a zona en profundidade, polo que axiña deron cos excursionistas.

Ademais, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia informouse aos axentes da Garda Civil, que tamén colaboraron na busca.

O operativo activouse ás 15:30 horas de hoxe tras a chamada ao 112 Galicia dun dos afectados, que explicou que se perderan unha vez superada a Fábrica da Luz. Apenas dúas horas máis tarde eran localizados polos membros do GES de Castro Caldelas.

facebook twitter instagram