Imaxe escoitar Escoitar

Unha saída de vía en Lugo mobiliza aos servizos de emerxencia

Un accidente en Lugo obrigou a desprazar aos servizos de emerxencia ata o lugar de Louzaneta, na Ponte do Río Mera, en Lugo.

Ás 17:25 horas desta tarde un particular informaba ao CAE 112 Galicia da saída de vía dun vehículo, na estrada que une Lugo e Santiago, á altura da Ponte. Aseguraba que vira caer un turismo á auga, pero, non podía asegurar se había persoas feridas ou atrapadas.

Decontado, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia puxo en marcha un operativo no que participan, os Bombeiros de Lugo, Urxencias Médicas, Garda Civil de Tráfico e Protección  Civil.

Os Bombeiros indicaron ao 112 Galicia que non foi preciso excarcerar. No turismo viaxaban tres persoas que foron trasladadas polo persoal sanitario.

Colisión múltiple en Oleiros
Un accidente múltiple –tres coches implicados- deixou esta tarde a tres persoas feridas. O accidente ocorreu na rotonda de Bastiagueiro, no termo municipal de Oleiros.

Ata o lugar desprazáronse os axentes da Policía Local, tras ser requiridos polo persoal do 112 Galicia. Ademais, informouse aos Bombeiros de Arteixo e a os efectivos de Protección Civil. Urxencias Médicas xa tiña constancia do suceso.

O CAE 112 Galicia foi alertado do accidente polo persoal sanitario, sobre as 15:30 horas desta tarde.

 

Un incendio derrúe parte do tellado dunha vivenda en Verín

Un incendio derruíu parte do tellado dunha casa situada na Rúa Cima da Aldea, en Cabreiroá, no concello de Verín.

Tamén se viron afectadas as vigas e o falso teito do salón. Iso si, afortunadamente, ningunha persoa resultou ferida.

Sobre as 14:00 horas deste mediodía, o CAE 112 Galicia recibía a chamada dun particular que aseguraba ver saír fume do tellado dunha casa.

Decontado, dende o 112 Galicia pasouse aviso aos Bombeiros de Verín que,  chegados ao lugar, extinguiron o lume. Do mesmo xeito, tamén se solicitou a colaboración dos efectivos de Protección Civil e da Garda Civil.

Polo momento, descoñécense as causas da orixe do lume. 

facebook twitter instagram