Imaxe escoitar Escoitar

 

Un condutor cae por un terraplén co seu vehículo e resulta ferido grave

Un turismo se saíu da vía e caeu por un desnivel. O condutor abandonou o vehículo polos seus propios medios pero ten lesións importantes en ambas as dúas pernas. Un equipo médico a bordo do helicóptero medicalizado con base en Ourense se desprazou ao lugar do accidente, preto do Campo da Caíña, nas Neves. O CAE 112 Galicia recibiu a alerta ás catro desta tarde e, deseguido, os xestores informaron aos Bombeiros de Ponteareas e Baixo Miño e aos axentes da Garda Civil de Tráfico.

Dous feridos graves en Vilagarcía
Dúas persoas resultaron feridas grave tras sufriren un accidente co vehículo no que viaxaban. Segundo relatou o equipo médico que socorreu ás vítimas, o coche se saíu da vía na N-640, concretamente, no tramo de circunvalación de Cornazo, en dirección ao Hospital do Salnés. Ata o lugar se achegou o helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela. Pola súa banda, o persoal do 112 Galicia pediu a colaboración dos Bombeiros do Salnés e do servizo municipal de Protección Civil.  

Colisión na AP-9, en Teo
Un turismo deu varias voltas de campá despois de bater contra un camión. Ambos os dous vehículos circulaban pola AP-9, en sentido Santiago de Compostela, ao paso polo concello de Teo. Como consecuencia do impacto, dúas persoas resultaron feridas e foron trasladadas ao hospital nunha ambulancia de Urxencias Médicas. Pese a quedar o coche envorcado, as persoas puideron saír sen a necesidade de empregar un equipo de excarceración. Sobre as tres desta tarde, varios condutores chamaron ao 112 Galicia para pedir axuda. Os xestores do Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia mandaron aviso a Urxencias Médicas, Bombeiros de Ordes, membros de Protección Civil de Teo e do GES da Estrada.

 

Un home resultou ferido grave tras caerlle enriba unha árbore

Un home sufriu lesións graves ao caerlle enriba das pernas unha árbore. Sucedeu ao fío da unha da tarde nunha finca da parroquia de Erboedo, na Laracha. O home estaba liberado e accesible, pero a gravidade das feridas motivou que os médicos de Urxencias Médicas determinasen a saída do helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela. Para colaborar nas tarefas de aterraxe, o persoal do 112 Galicia solicitou a intervención dos voluntarios de Protección Civil e das forzas da orde.

 

Os bombeiros manteñen confinada unha vertedura de xurro en Mesía

Os Bombeiros de Arzúa construíron unhas barreiras de contención para deter unha vertedura de xurro que vai cara un afluente do Tambre. Ocorreu pouco antes das once desta mañá, na parroquia de Castro, en Mesía. Unha fenda nunha cuba de xurro instalada nunha explotación gandeira provocou un derrame, que acadou a DP-1004 e mesmo a un afluente do Tambre. A vertedura permanece contida nunhas presas elaboradas polos bombeiros e con isto se evitará que chegue ao río grande. Ademais, membros da explotación gandeira e un equipo procedente dunha empresa de xestión de residuos achegarán cisternas e disporán de sistemas de succión que permitan erradicar a vertedura. Os servizos de emerxencias descartan que haxa risco para a poboación. Ademais dos bombeiros e das forzas da orde, o persoal do CAE 112 Galicia informou aos membros do GES de Curtis, á Consellería do Medio Ambiente e Deputación da Coruña.   

 

facebook twitter instagram