Escoitar

Dúas persoas feridas, unha delas excarcerada, nun accidente en Dumbría

Unha colisión entre dous vehículos, rexistrada en Dumbría, deixa feridos aos dous condutores. Unha das vítimas tivo que ser excarcerada polos bombeiros.

O sinistro tivo lugar na estrada que conecta Cee con Dumbría, a AC-552, á altura do quilómetro 82. Foi unha persoa particular a que alertou ao 112 Galicia ás 12:00 horas desta mañá.

O persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 puxo a situación en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros de Cee e de Protección Civil. Tamén se informou á Garda Civil de Tráfico.

As dúas persoas feridas foron evacuadas ao Hospital Virxe da Xunqueira de Cee.

Excarceración en Oleiros
Ademais, una persoa tivo que ser liberada en Oleiros despois de que o vehículo no que circulaba sufrise unha saída de calzada. A vítima foi excarcerada por unha dotación dos Bombeiros de Arteixo.

Unha persoa particular informou do accidente ao 112 Galicia ás 13:50 horas de hoxe. Segundo detallou, os feitos producíronse no quilómetro 2 da DP-5813, a estrada que une Oleiros con Sada.

Dende a central de emerxencias do 112 alertouse ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Arteixo e aos de Betanzos, a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico.

Atrapado en Valga
Por último, unha home resultou ferido tras producirse unha saída de vía, en Valga. Unha das pernas da vítima quedou atrapada debaixo dunha das rodas do coche accidentado. Os bombeiros conseguiron liberar o varón desprazando o vehículo, sen necesidade de chegar a practicar unha excarceración.

Os feitos tiveron lugar na estrada que conecta Cordeiro co Alto do Pino, despois da Gándara.

A propia vítima contactou co 112 Galicia ás 16:50 horas para indicar que acababa de sufrir un accidente. Acto seguido, o persoal do CIAE informou ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros do Salnés, ao GES de Valga e á Garda Civil de Tráfico.

 

Un choque entre un camión e un turismo deixa unha persoa ferida na Pobra do Brollón

Unha colisión entre un camión e un turismo, rexistrada esta tarde no concello lucense da Pobra do Brollón, sáldase cunha persoa ferida. A vítima, a persoa que conducía o vehículo, tivo que ser evacuada a un centro hospitalario.

O sinistro tivo lugar no quilómetro 509 da N-120. Unha persoa particular deu a voz de alarma ao 112 Galicia ás 17:30 horas desta tarde. Segundo detallou, o turismo implicado no accidente acabou saíndose da vía, indo parar a unha zona de maleza. Engadiu, ademais, que o vehículo estaba a botar fume. O camión accidentado, pola súa banda, quedou interrompendo o tráfico na vía.

Con estes datos, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 informou ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Monforte e ao GES de Quiroga-Folgoso do Courel. Ademais, tamén se alertou á Garda Civil de Tráfico.

Saída de vía
Outra persoa resultou ferida esta tarde, desta volta nunha saída de vía acontecida na Pobra de Trives. A persoa que conducía o vehículo accidentado chamou ao 112 Galicia, ás 16:20 horas, para indicar que a súa acompañante golpeara a cabeza contra o parabrisas do vehículo. Engadiu que o coche estaba a invadir parte da calzada. O accidente rexistrouse no quilómetro 3 da OU-0703.

Dende o CIAE do 112 Galicia alertouse ao 061-Urxencias Sanitarias e ao GES de Castro Caldelas. Tamén se informou a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico.

Despois de ser atendida no punto polos efectivos sanitarios, a muller ferida solicitou recibir a alta voluntaria.  

 

Un ciclista ferido en Pontevedra ao bater contra a porta dun turismo

En Pontevedra, un ciclista resultou ferido despois de esnafrarse contra a porta dun coche. O condutor implicado explicou ao 112 Galicia que abriu a porta do vehículo sen decatarse de que o deportista estaba a piques de pasar polo punto no que se produciron os feitos.

O sinistro tivo lugar na intersección da rúa José Malvar coa rúa da Seca. O propio ocupante do turismo chamou ao 112 Galicia ás 14:30 horas desta tarde para dar conta do ocorrido.

Dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 Galicia alertouse ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Pontevedra, a Protección Civil e á Policía Local.