Escoitar
venres, 26 Novembro, 2021

Catro persoas dunha mesma familia resultaron afectadas debido a unha intoxicación por monóxido de carbono, nun domicilio da localidade pontevedresa de Vilagarcía de Arousa.

Foi unha das propias persoas afectadas quen chamou ao 112 Galicia, ao fío das 08:30 horas, para solicitar asistencia sanitaria para a súa filla, por atoparse esta mal. Logo de recibir esta información, os operadores do 112 tiveron a confirmación do persoal do 061 de que se trataba dunha intoxicación por monóxido, nunha vivenda da Avenida do Pazo, en Rubiáns.

Deste xeito, desde o CIAE-112 Galicia mobilizouse para o lugar aos Bombeiros de Vilagarcía, á Policía Local, aos membros de Protección Civil do concello e á empresa suministradora do gas.

Finalmente, a dotación dos Bombeiros comunicoulle ao 112 que se trataba dun posible problema no queimador da caldeira da calefacción e na cheminea da mesma, onde se fixeron as comprobacións e medicións correspondentes xunto coas tarefas de ventilación da zona. Pola súa parte, o persoal sanitario confirmou o traslado dos dous fillos da familia, un deles ao Hospital Montecelo e outro ao Hospital do Salnés.