
Volve o outono, e con el a volta á rutina, acompañada dos cambios na climatoloxía e as diferentes cores que adopta a natureza.
Esta é unha época na que adoitamos pasar moito máis tempo na casa, pola baixada das temperaturas e o comezo de longas tempadas de choiva. Polo tanto, é necesario que teñas en conta algunhas recomendacións para que esta estación sexa o máis segura posible.
Evita sustos na casa
En primeiro lugar, prepara o teu fogar. Co cambio de estación é moi importante ter en conta algúns consellos para a túa vivenda, tanto no exterior como no interior da mesma.
- Por unha banda, a caída da folla derivada do cambio de estación pode provocar que se taponen os tellados, canlóns e baixantes, polo tanto, é recomendable manter o tellado limpo e saneado, así evitaremos que se produzan filtracións de auga.
- Debemos ter en conta a limpeza de chemineas, xa que co paso do tempo é normal que nestas se note a acumulación de feluxe e outras partículas que poden desencadear nun incendio, á vez que faremos que diminúa tanto o consumo como a contaminación.
- A maiores, tamén debemos afastar desta, materiais que sexan facilmente inflamables, como poden ser as mantas, as alfombras ou a roupa, e nunca usar calefactores para secala.
Quenta dun xeito seguro
Tamén cabe destacar a revisión e bo mantemento dos sistemas de calefacción. Ademais de reducir o consumo enerxético, estamos evitando accidentes e alargando a súa vida útil dun xeito considerable.
Igualmente, cómpre ter precaución co uso de sistemas de calefacción de gas.
- É moi importante que ao prender estas estufas a chama sexa sempre de cor azul.
- Á vez que manter unha ventilación constante para evitar a acumulación de monóxido de carbono e previr intoxicacións.
- Tamén debemos asegurarnos de ter todo apagado cando marchemos da casa ou vaiamos durmir.
Rutas micolóxicas
Aínda que o tempo ás veces non acompaña, son moitos os que deciden aproveitar esta época para facer saídas micolóxicas. É unha actividade orixinal e divertida, pero cómpre ter en conta algunhas recomendacións.
- En primeiro lugar, é necesario que consultes a previsión meteorolóxica e teñas en conta as horas de luz, os días son máis curtos, e isto pode condicionar a túa seguridade.
- Recorda levar o teléfono sempre cargado e contigo, e co GPS activado, así como unha vestimenta adecuada para esta actividade.
- Evita consumir fungos descoñecidos, moitos deles non son aptos para o consumo, e podemos sufrir unha intoxicación.
- E por último, e moi importante, respecta e coida o teu entorno.
O vehículo sempre a punto
O outono é unha estación marcada pola aparición de fenómenos meteorolóxicos adversos, como poden ser a choiva, a néboa ou o xeo. Estes, poden chegar a sorprendernos nas estradas, e sumado a que as noites son máis longas e conducir con escuridade é máis perigoso, os riscos de sufrir un accidente aumentan. Por iso, facer unha revisión do teu vehículo para telo sempre a punto pode evitar moitos accidentes. Dende o 112 Galicia recomendamos:
- Revisar os sistemas de iluminación, os limpiaparabrisas e os cristais.
- Verifica que a batería funcione de xeito adecuado.
- Comproba os niveis dos líquidos.
- E fai unha revisión para manter en bo estado os pneumáticos.
Ollo, peón
Como xa mencionamos anteriormente, ao longo do outono, as horas de luz acúrtanse, ante esta situación, é necesario protexer a un dos colectivos que poden ser máis vulnerables no ámbito da mobilidade, os peóns. Seguir estas pautas, garantirá a súa seguridade e tamén a nosa.
- O uso de prendas reflectoras por parte dos peóns permite aos condutores detectar a súa presenza durante as horas nas que hai menos luz. Isto derivará a un risco menor de accidente.
- Ademais, para maior seguridade en zonas escuras, os viandantes deben cruzar en áreas onde poidan comprobar se se aproxima algún vehículo.
- Por último, se a persoa ten que camiñar pola estrada porque non existe beirarrúa, ten que facelo sempre polo lado esquerdo da vía de circulación, así, poderá visualizar aos vehículos que veñen de fronte, e os condutores poderán ver ao peón.
Sabemos que despedirse do verán, do sol e dos seus longos días para enfrontarnos aos días curtos e a variabilidade das temperaturas non é unha tarefa sinxela. Pero seguindo estas recomendacións, seguro que se fai moito máis ameno. Se aínda despois de aplicar todos os nosos consellos, tes algunha emerxencia, non o dubides, chama ao 112.