O persoal de ADIF vén de comunicar ao 112 Galicia que continúan os traballos en Pantón para o restablecemento da circulación ferroviaria despois de que esta madrugada descarrilara un tren de pasaxeiros polo que foi atendido o maquinista, que resultou ferido leve.
Ademais, informaron dun novo corte no tramo Tui-Portugal a causa doutro desprendemento de terra e pedras, no que xa están traballando os medios de ADIF.
Precisamente, foi o desprendemento de terras o que, arredor da 1:30 horas de hoxe, fixo descarrilar á locomotora do tren hotel que circulaba pola vía férrea Ourense-Monforte con destino a Pontevedra.
A bordo viaxaban unhas 47 persoas que resultaron ilesas e que permaneceron no interior do convoi ata a chegada dunha nova máquina locomotora que conduciu os vagóns a Ourense. Unha vez alí, os pasaxeiros serían trasladados aos seus destinos por distintos medios de transporte.
Quen si necesitou asistencia médica foi o maquinista, que presentaba algunhas lesións, aínda que de carácter leve, polo que foi atendido no punto sen que fose necesaria a súa evacuación.
Pola súa banda, o persoal de ADIF enviou á zona varias retroescavadoras, que seguen a traballar na zona para liberar a vía e restablecer canto antes a circulación ferroviaria.