Imaxe escoitar Escoitar
martes, 19 Novembro, 2019

Os bombeiros logran controlar un incendio que comezou preto da seis desta mañá nun serradoiro do concello coruñés de Outes.

Aínda que a factoría permanece en activo, ninguén resultou ferido a causa do lume, en cuxa extinción seguen a traballar os equipos de emerxencias.

Este operativo activouse despois de recibir no 112 Galicia a chamada dunha persoa particular que aseguraba que estaban tratando de sufocar o incendio con extintores, pero sen éxito. Así, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, informouse, decontado, aos Bombeiros de Boiro e Ribeira, así como aos membros do GES de Muros. Do mesmo xeito, foi necesaria a colaboración dos distrito forestal da zona para apoiar a actuación dos bombeiros cunha achega de auga importante para reducir as lapas.

Igualmente, desde o 112 Galicia, pediuse a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aínda que, ata este momento, ninguén necesitou asistencia médica.

Cómpre sinalar que no interior do serradoiro hai maquinaria e vehículos, ademais doutro material que dificulta a extinción, pero, con todo, o lume está baixo control e, arestora, os equipos de emerxencias permanecen no lugar do incendio para separar o entullo e apagar definitivamente o lume.     

facebook twitter instagram