Alertas activas:

Escoitar
luns, 24 Maio, 2021

Un incendio na planta baixa dun edificio da Rúa Real, na cidade da Coruña, obrigou ao desaloxo dos veciños do inmoble. Por fortuna, ningunha persoa resultou ferida. 

Foi unha persoa particular quen, ao fío das 21:45 horas da noite pasada, chamou ao 112 Galicia para informar do suceso. Indicaba que viu saír fume nun baixo sen actividade dun edificio.

Decontado, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) pasouse aviso aos Bombeiros da Coruña e á Policía Local. Do mesmo xeito, requiriuse a colaboración dos efectivos de Protección Civil e alertouse, por precaución, ao persoal sanitario.

Unha vez extinguido, os profesionais de extinción indicaron que ardeu a planta baixa da edificación, que estaba en obras. O lume alcanzou a primeira planta polo patio interior e, malia que o segundo e o terceiro piso estaban desocupados, os moradores da cuarta e da quinta planta tiveron que ser desaloxados, por precaución.

Deste xeito, os veciños desaloxados foron orientados a pasar a noite noutro lugar ata que as condicións de seguridade no edificio puidesen ser restablecidas.

Atendida por queimaduras en Ourense
Por outra banda, ao fío das 21:00 horas do domingo, o 112 Galicia recibiu a alerta dun incendio na campá extractora dunha vivenda na localidade da Bouza, en Ourense

Ata o lugar, acudiron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Ourense e aos axentes da Policía Local. Finalmente, unha persoa tivo que ser atendida in situ debido a queimaduras e os bombeiros realizaron as comprobacións necesarias despois de confirmar que a situación estaba controlada.

facebook twitter instagram