Escoitar
venres, 21 Xaneiro, 2022

O garaxe dunha nave situada na rúa do Rei Don García, en Lugo, ardeu a pasada noite, sen que se rexistrasen danos persoais. Segundo informaron os Bombeiros da cidade ao 112 Galicia, arderon sete coches, catro motos e unha auto caravana.

Ademais, como medida preventiva, os servizos de emerxencia desprazados desaloxaron tres edificios lindeiros á nave. Xa sufocado o incendio, moi preto da medianoite, os veciños puideron regresar ás súas vivendas.

O 112 Galicia tivo coñecemento do incendio a través da chamada de alerta de varias persoas particulares ás nove menos cuarto.

Axiña, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Lugo, da Policía Local e de Protección Civil.

O lume calcinou practicamente a totalidade da nave industrial en Cervo
Ademais, ao fío da medianoite, os Bombeiros de Viveiro informaron ao 112 Galicia que o lume, que afectou practicamente á totalidade da nave industrial do Polígono de Cuíña, quedara extinguido. Concretamente, só se salvaron dúas oficinas e varios departamentos. O interior ardeu por completo. Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais.

Durante toda a noite, un retén formado polos efectivos do GES de Cervo vixiou a zona, para evitar que algún rescaldo activo afectase a outras naves lindeiras. De feito, os Bombeiros de Viveiro acudiron á primeira hora desta mañá para sufocar pequenos focos de lume que se reavivaron ao longo da noite.

Cómpre sinalar que o 112 Galicia tivo constancia do incendio cando faltaban quince minutos para as catro da tarde. Foi, a esa hora, cando varios particulares daban conta dun lume no interior dunha nave e, a partir dese momento, activouse un operativo no que interviñeron os Bombeiros de Barreiros e de Viveiro, o GES de Cervo, a Garda Civil e Protección Civil de Xove, Burela e Ribadeo.

Ademais, o 112 Galicia tamén puxo en alerta a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, por se fose precisa a súa intervención. O Concello de Cervo e o Servizo de Medio Ambiente da Xunta de Galicia tamén foron informados da situación.