Imaxe escoitar Escoitar
mércores, 5 Maio, 2021

Tres vehículos, dous turismos e un camión, víronse implicados nun accidente de tráfico rexistrado na A-55, ao paso pola parroquia de Torneiros, no concello pontevedrés do Porriño.

Como consecuencia do accidente, dúas persoas resultaron feridas, polo que foron evacuadas ao Hospital Álvaro Cunqueiro.

Para restablecer as condicións de seguridade na vía foi necesaria a intervención do equipo de mantemento das estradas.

A alerta sobre este accidente activouse no 112 Galicia ás 16:30 horas de hoxe, despois de recibir a información a través de diversas chamadas das testemuñas do sinistro. Durante a comunicación, indicaban que a colisión tivo lugar á altura do punto quilométrico 17, dirección Vigo.

Nada máis ter constancia dos feitos, desde o 112 pasouse aviso aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros do Porriño e aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local.

Ademais, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia puxeron os feitos en coñecemento dos membros de Protección Civil da localidade por se fose necesaria a súa colaboración.

Colisión en Monterrei
Por outra banda, un accidente entre dous turismos mobilizou aos equipos de emerxencia moi preto das seis horas da tarde de hoxe. O sinistro ocorreu na A-52, ao seu paso por Monterrei, en Ourense.

De acordo coa información facilitada polos Bombeiros de Verín ao 112, un dos ocupantes dos vehículos sinistrados tiña dificultades para abandonalo polos seus propios medios e, por iso, tiveron que empregar unha táboa para axudarlle.

Foron os axentes da Garda Civil de Tráfico os que contactaron cos xestores do 112 Galicia para informar do sucedido. Así, desde a central de emerxencias informouse tamén ao equipo de urxencias sanitarias, á Protección Civil e ao persoal de mantemento da vía.

facebook twitter instagram