Escoitar
martes, 20 Setembro, 2022

Dúas persoas perderon a vida nun choque no que se viron implicados tres turismos, na CG-1.5, á altura do punto quilométrico 27.

Ademais, outras dúas persoas resultaron feridas no sinistro. Unha delas foi evacuada nun helicóptero ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela e a outra persoa foi trasladada nunha ambulancia, tamén ao mesmo centro médico.

Ao fío das 16:00 horas, varios particulares alertaban do sinistro ao 112 Galicia.

De xeito inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasaron o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Boiro, ao GES de Noia, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e ao servizo de mantemento da vía de circulación. Ademais, desde o CIAE 112 Galicia informouse dos feitos ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), por se fose necesaria a súa intervención.

Cómpre sinalar que, para asegurar as condicións de seguridade na CG-1.5, foi necesario desviar o tráfico tanto na saída 27 como na 19.