Escoitar
venres, 5 Agosto, 2022

O condutor do camión, de transporte de gasóleo, foi evacuado polos servizos sanitarios ao Hospital do Salnés tras resultar ferido de diversa consideración. Sen embargo, o condutor do turismo, aínda que tamén sufriu feridas, puido desprazarse polos seus propios medios ao mesmo centro hospitalario.

Afortunadamente, a carga do camión non se viu afectada e, segundo indicaron os axentes de Tráfico ao 112 Galicia, os restos de aceite que se derramaron pola vía proviñan da mesma cabeza tractora do vehículo debido ao impacto. Con todo, ata o lugar desprazouse o persoal responsable de mantemento da estrada, que se encargou de restablecer as condicións da vía.

Unha persoa particular foi quen, sobre a unha e cuarto deste mediodía, alertou ao 112 Galicia dun choque entre un camión e un coche, na N-640, punto quilométrico 232, á altura de Godos, ao seu paso por Caldas de Reis. Aseguraba que non había persoas atrapadas nos vehículos, pero si, feridos.

Por iso, desde ese intre, o 112 Galicia pasou aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que desprazaron axiña unha ambulancia e un equipo médico ao punto. Ademais, tamén foron informados os Bombeiros de Ribadumia, a Garda Civil de Tráfico, a Policía Local, os efectivos de Protección Civil da localidade e do Servizo de Emerxencias de Vilagarcía, así como, o persoal de mantemento da vía.

Foi preciso interromper a circulación nun carril da estrada para proceder á evacuación dos feridos. Así mesmo, agardábase a chegada dunha guindastre para retirar o camión sinistrado, o que facilitaría o traballo dos operarios para restablecer as condicións da vía na súa totalidade.

Catro feridos en Ponteceso
O 112 Galicia recibiu o aviso do accidente a través do sistema ecall.

O sistema de chamada de emerxencia permitiu a un dos ocupantes contactar co 112 Galicia e coñecer axiña a súa localización, na AC-419, en Tella, no concello coruñés de Ponteceso.

Durante a comunicación, o alertante, aseguraba que todos os ocupantes estaban fóra do vehículo.

Así, nada máis recibir a chamada de emerxencia, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local, dos Bombeiros de Carballo e dos membros de GES de Ponteceso.

Unha vez no lugar dos feitos, os membros do GES indicaron que non foi preciso o uso de material de excarceración, iso si, confirmaron o traslado dos catro ocupantes ao centro hospitalario de referencia.