Escuchar
xoves, 20 Febreiro, 2020

Dúas persoas resultaron feridas este mediodía en Gondomar nunha colisión frontal na que se viron implicados outros tantos turismos. O accidente tivo lugar na PO-331, concretamente no punto quilométrico 15.

Foron os axentes da Policía Local os que alertaron do sinistro ao 112 Galicia ás 11:50 horas.

Decontado, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros do Baixo Miño, á Garda Civil de Tráfico, aos efectivos do GES do Val Miñor e a Protección Civil.

Colisión múltiple
Por outra banda, en Mos, unha colisión entre catro coches saldouse cunha persoa ferida. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, a vítima foi trasladada aos Hospital Fátima.

Os feitos sucederon no punto quilométrico 12 da A-55, ao fío das 8:30 horas, en sentido a Vigo. Nese momento, unha persoa particular contactou co 112 Galicia para dar conta do accidente.

A partir de aí, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local, dos Bombeiros do Baixo Miño e do Servizo Municipal de Emerxencias.