Escuchar
venres, 1 Febreiro, 2019

Unha colisión na que se viron implicados esta tarde catro turismos na Cañiza saldouse con dúas persoas feridas. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, as vítimas tiveron que ser trasladadas a un centro médico.

O accidente tivo lugar na A-52, entre a saída da Cañiza e o túnel sentido Vigo, ao fío das 14:30 horas. Nese momento, varias persoas particulares contactaron co 112 Galicia para alertar do sinistro.

Acto seguido, os xestores do CIAE 112 pasaron o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, aos GES e Bombeiros de Ponteareas e de Vigo e á Policía Local.

Ademais, segundo se lle indicou ao 112 Galicia, simultaneamente tivo lugar outro accidente no mesmo punto por mor da sarabia, sen que se rexistraran danos persoais.

Colisión entre dous coches en Guitiriz
Por outra banda, no concello ourensán de Guitiriz, un accidente entre dous coches saldouse cunha muller embarazada trasladada ao centro hospitalario de referencia.

Foi a propia implicada no sinistro quen chamou ao 112 Galicia ao redor das 16:10 horas da tarde para informar que o coche no que viaxaba sufriu unha colisión contra outro turismo na A-6, á altura do punto quilométrico 540, e que, en principio, non era capaz de abrir a porta.

De inmediato, os xestores do CIAE 112 puxeron os feitos en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros de Vilalba, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local, dos voluntarios de Protección Civil e tamén do servizo de mantemento das estradas.

Finalmente confirmouse que a muller implicada puido saír polos seus propios medios polo que descartouse o uso do material de excarceración.