O 112 Galicia tivo coñecemento do accidente, que ocorreu no punto quilométrico 4 da LU-P-5818, ás 17:15 horas.
Foi unha persoa particular quen alertou nese momento do sinistro ao 112 Galicia. Segundo indicaba aos xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, un coche caera por un terraplén, ao saírse da vía á altura da parroquia de Vilacaiz. Engadía na súa comunicación que escoitaba a unha persoa pedir auxilio desde o interior do vehículo, que rematou nunha zona de abundante vexetación.
A partir de aí, desde o CIAE 112 Galicia requiriuse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Chantada, da Garda Civil de Tráfico e de Protección Civil.
Tras ser liberadas polos Bombeiros de Chantada, as dúas persoas que circulaban no vehículo recibiron os primeiros auxilios e, posteriormente, foron trasladadas a un centro médico.
Colisión frontal entre dous coches en Vigo
Ademais, dúas persoas necesitaron asistencia médica e unha delas tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Vigo, ao quedar atrapada no interior dun dos vehículos implicados.
O choque frontal entre os dous turismos produciuse no Camiño Real.
Pasados uns minutos das 16:00 horas, unha persoa particular alertaba do sinistro ao 112 Galicia. Segundo indicaba, unha persoa estaba atrapada no interior dun vehículo por mor do impacto.
De xeito inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Vigo e da Policía Local.
Segundo confirmaron os Bombeiros de Vigo ao 112 Galicia ao finalizar a súa intervención, dúas persoas resultaran feridas debido ao choque e unha delas tivo que ser excarcerada.
Colisión entre dous camións e un turismo na AP-9
Por outra banda, en Redondela, unha muller resultou ferida nun choque múltiple no que se viron implicados o coche no que circulaba e dous camións, ao paso da autoestrada pola parroquia de Trasmañó, no punto quilométrico 149.
Segundo relataron varias persoas particulares que contactaron co 112 Galicia ás 16:30 horas, dous camións que non transportaban mercadorías perigosas e un turismo bateran no sentido sur da circulación.
Con estes datos, o persoal do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso á Garda Civil de Tráfico, a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ao servizo de mantemento da autoestrada, ao GES de Mos e efectivos de Protección Civil.