Escoitar
sábado, 26 Outubro, 2019

Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron esta tarde aos dous ocupantes dunha vivenda na que se produciu un incendio que danou algún electrodoméstico e mobles da cociña.

Ocorreu ás 13:30 horas de hoxe na Avenida da Concordia da Coruña, a onde se desprazaron os bombeiros da cidade para sufocar un lume que calcinou a campá extractora e algún moble.

O fume alertou aos veciños do edificio, que axiña se puxeron en contacto co 112 Galicia para informar da situación. Deseguido, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia avisou aos Bombeiros da Coruña, así como aos axentes da Policía Local e os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para atender aos dous ocupantes do piso, dos cales un sufría queimaduras nas mans, mentres que o outro, totalmente dependente, foi trasladado por precaución.

De feito, os efectivos do parque municipal tomaron as medidas necesarias para manter a esta persona o máis afastada posible do fume mentres duraron os traballos de extinción do lume.