Escoitar
sábado, 31 Xullo, 2021

O primeiro accidente mortal tivo lugar no concello de Vilariño de Conso, minutos despois das oito da tarde. A esa hora, un particular poñíase en contacto co 112 Galicia para dar conta dun atropelo na Faceira, neste municipio ourensán.

Nesta primeira comunicación, o particular advertía de que a persoa que sufrira o atropelo estaba en estado grave, polo que, dende o CIAE - 112 Galicia deuse aviso, de xeito inmediato, aos servizos sanitarios, que desprazaron ata o punto ao helicóptero medicalizado con base en Ourense. Ademais, tamén se solicitou a intervención da Garda Civil de Tráfico, do GES da Gudiña e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Vilariño de Conso.

Finalmente, malia os esforzos do persoal sanitario, nada se puido facer por salvarlle a vida.

Atropelo en Mugardos
Por outra banda, unha muller perdía a vida tras ser atropelada no lugar de Marzán, en Mugardos. Ao fío das tres menos cuarto da madrugada, un particular chamaba ao 112 Galicia para alertar dun atropelo neste sitio.

Con estes datos, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informaron ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia - 061, ao GES de Mugardos e á Garda Civil de Tráfico. A maiores, por se fose precisa a súa intervención, tamén se deu aviso aos Bombeiros de Ferrol.

Cando os servizos de emerxencia chegaron ao punto deron conta da gravidade da persoa atropelada e, pouco despois, confirmaron o seu falecemento.

Por último, o 112 Galicia solicitou a actuación dos servizos de mantemento de estradas para restablecer as condicións de seguridade da vía.