Imaxe escoitar Escoitar
martes, 3 Agosto, 2021

Dúas persoas recibiron asistencia esta mañá despois de declararse un incendio na habitación dun piso na Coruña. Segundo a información recollida no 112 Galicia, unha das persoas afectadas tivo que ser trasladada polos efectivos sanitarios ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Por outra banda, a estancia onde se orixinou o incendio rematou calcinada por completo.

Os feitos sucederon na rúa de San Isidoro, ao fío das seis e media. Nese momento, unha persoa particular contactou co 112 Galicia para dar conta do lume.

Acto seguido, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso aos Bombeiros da Coruña, á Policía Local e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da cidade. Ademais, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 interveu neste operativo.

Dous turismos resultan calcinados
Ademais, dous turismos arderon por completo en senllos incendios rexistrados no Pereiro de Aguiar e en Boiro.

O primeiro lume tivo lugar no punto quilométrico 5 da OU-536, no Pereiro de Aguiar, concretamente no lugar de Cachamuíña, ata onde desprazáronse os Bombeiros do Polígono de San Cibrao das Viñas para extinguir as lapas orixinadas nun coche estacionado nunha zona de aparcamento. Afortunadamente, ningunha persoa resultou ferida.

Os feitos ocorreron moi preto das sete e media da tarde e, tras recibir o aviso do incendio no 112 Galicia a través do dono do vehículo, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso, ademais, ao GES do Pereiro de Aguiar e á Garda Civil de Tráfico.

O segundo incendio produciuse no lugar de Amanecida, en Boiro, ás doce e media da pasada noite.

Foi a esa hora cando unha persoa particular contactou co 112 Galicia para alertar dun turismo que estaba a arder no interior dun garaxe. Engadía na súa chamada que ningunha persoa resultara ferida nin afectada.

A partir de aí, desde o 112 Galicia requiriuse a intervención dos Bombeiros de Boiro, da Policía Local, dos axentes da Garda Civil e do Servizo Municipal de Protección Civil.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos bombeiros, o coche ardeu practicamente na súa totalidade.

facebook twitter instagram