Escuchar
luns, 23 Novembro, 2020

Dúas persoas necesitaron asistencia médica esta tarde en Valga tras ser atropeladas por un tractor no interior dun alpendre. Os feitos sucederon no lugar do Carballiño, na parroquia de Xanza, ao fío das 14:55 horas.

O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que, debido á gravidade das feridas que presentaban as persoas atropeladas, mobilizou un helicóptero medicalizado ata unha zona próxima ao lugar do atropelo, aínda que, finalmente, as dúas persoas feridas foron trasladadas en ambulancia a un centro hospitalario.

Cómpre salientar que, para prestar apoio ao equipo médico, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento da Garda Civil, da Policía Local, dos Bombeiros do Salnés, do GES de Padrón e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Valga.

Unha nena foi atropelada en Ferrol
Por outra banda, en Ferrol, unha nena resultou ferida ao ser alcanzada por un vehículo na rúa de Coruña, á altura do número 37.

Sucedeu preto das 14:10 horas. Nese momento, o 112 Galicia recibiu a alerta do atropelo por medio de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e, axiña, os xestores de Emerxencias 112 Galicia pasaron o aviso á Policía Local, aos Bombeiros de Ferrol e a Protección Civil.