Escoitar
martes, 19 Outubro, 2021

Dúas persoas resultaron feridas, esta mañá en Moaña, nunha colisión entre dous coches que rematou cun deles calcinado ao comezar a arder este tras o golpe.

Foi unha das persoas implicadas no sinistro quen chamou, pasadas as once e media, ao 112 Galicia para informar de que dous vehículos acababan de colidir na estrada AG-46, no punto quilométrico 3, en Domaio. Na comunicación, o particular solicitaba asistencia médica para unha persoa ao mesmo tempo que afirmaba que un dos turismos comezaba a arder.

Inmediatamente, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) déronlle o aviso aos servizos sanitarios, aos Bombeiros do Morrazo e aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local. Ademais, tamén foron alertados os Bombeiros de Vigo e o persoal de mantemento da vía.

Finalmente, o 112 Galicia tivo confirmación, por parte do persoal sanitario, de que dúas persoas resultaron feridas no choque, unha delas trasladada ao Hospital de Fátima, en Vigo. Polo seu lado, a dotación dos Bombeiros do Morrazo indicou que, no lugar, ardeu un coche na súa totalidade.

Colisión en Vilasantar
Por outra banda, unha persoa resultou ferida a consecuencia dun accidente entre un coche e un camión, no concello coruñés de Vilasantar.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ocorridos no punto quilométrico 676 da estrada N-634, a poucos minutos das 10:00 horas, a través da chamada do persoal de mantemento de estradas.

Así, desde o CIAE-112 Galicia informouse ao 061, á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Arzúa e ao GES de Curtis que, desde o lugar, confirmou que a persoa tivo que ser trasladada ao centro hospitalario de referencia.