Imaxe escoitar Escoitar
luns, 17 Xaneiro, 2022

Dúas persoas necesitaron asistencia esta mañá despois de que batesen outros tantos turismos no lugar das Canteiras, no termo municipal ourensán de Castrelo de Miño.

O accidente ocorreu moito preto das dez e media, nas proximidades da presa de Castrelo.

O 112 Galicia recibiu, a esa hora, a alerta do sinistro a través dunha persoa particular e, axiña, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros do Carballiño, do GES de Ribadavia e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Castrelo de Miño.

Colisión múltiple en Vigo
Por outra banda, dous turismos e un camión que transportaba bombonas de osíxeno bateron en Vigo, no punto quilométrico 9 da VG-20, e unha persoa foi trasladada ao Hospital Fátima por mor do impacto.

A colisión múltiple produciuse ao fío das nove e cuarto desta mañá. Foi a esa hora cando unha persoa particular contactou co 112 Galicia para dar conta do sinistro e, nada máis ter coñecemento dos feitos, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local, a Protección Civil e aos Bombeiros de Vigo.

Segundo a información recollida no 112 Galicia, a carga que transportaba o camión non se viu afectada no choque e está previsto que un guindastre retire este vehículo da vía de circulación.

Coche que envorcou en Santiago de Compostela
Tamén, un coche rematou envorcado en Santiago de Compostela con dúas persoas no seu interior.

Os feitos sucederon na DP-0701, no punto quilométrico 8, uns minutos despois das dez e media.

Foi, nese momento, cando unha testemuña do sinistro puxo a situación en coñecemento do 112 Galicia.

Acto seguido, o persoal do CIAE 112 Galicia solicitou a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Santiago, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e de Protección Civil.

Segundo informaron ao 112 Galicia os voluntarios de Protección Civil de Santiago, os dous ocupantes do vehículo accidentado puideron saír polo seu propio pé e foron atendidos polos servizos sanitarios desprazados.

Saída de vía en Monforte de Lemos
Ademais, un home resultou ferido ao sufrir unha indisposición ao volante e colidir contra outros dos coches que estaban aparcados na rúa de Benito Vicetto, en Monforte de Lemos.

O 112 Galicia tivo coñecemento do accidente ás once e media, a través do propio home implicado na saída de vía e, a partir de aí, ata o lugar acudiron, tras ser alertados polo 112 Galicia, o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os axentes da Policía Local e o servizo de mantemento da estrada.

facebook twitter instagram