Escoitar
sábado, 1 Outubro, 2022

Os Bombeiros de Arteixo interviñeron co material de excarceración para liberar a unha das persoas feridas. Por outra banda, a outra persoa accidentada, que se atopaba accesible, sufriu feridas na cabeza e nun brazo.

Tras recibir os primeiros auxilios no lugar do sinistro, as dúas persoas ocupantes do vehículo foron trasladadas ao centro hospitalario de referencia en ambulancia.

Os feitos sucederon no punto quilométrico 15 da N-550, á altura da parroquia de Tabeaio.

Ao fío das 16:45 horas, un particular contactaba co 112 Galicia para alertar do accidente. Segundo sinalaba na súa comunicación, había persoas atrapadas no vehículo por mor do impacto.

Axiña, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Arteixo, da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento da vía de circulación.

Dous feridos en Melide
Ademais, outra saída de vía dun turismo saldouse con dous homes feridos, no punto quilométrico 45 da AC-840.

O accidente de tráfico produciuse no lugar das Seixas, na parroquia de Zas de Rei, uns minutos despois das 16:00 horas.

Nese momento, o 112 Galicia recibiu a alerta dos feitos a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou un helicóptero medicalizado para atender aos feridos.

Así, nada máis ter coñecemento do sinistro, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención da Garda Civil de Tráfico, de Protección Civil de Melide e de mantemento da estrada.