Escoitar
xoves, 27 Maio, 2021

Dúas persoas resultaron ilesas logo de que o vehículo no que circulaban se saíse da vía, envorcase e caera na cuneta, no lugar da Barxa, en Barbadás.

O 112 Galicia recibiu, contra as catro da tarde, o aviso dun particular que advertía da saída de vía dun coche. O alertante sinalaba que no interior había dúas persoas que non conseguían saír do vehículo. Ademais, engadía que o turismo tiña risco de precipitarse ladeira abaixo.

Con estes datos, o CIAE 112  informou aos Bombeiros de San Cibrao das Viñas, ao GES do Pereiro de Aguiar, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local de Barbadás e tamén aos membros de Protección Civil do municipio.

Xa no lugar do sinistro, os Bombeiros confirmáronlle ao 112 Galicia que non había ninguén atrapado, pero que foi preciso estabilizar o vehículo, antes de que chegase o guindastre, para que non caese polo terraplén.

Unha vez fóra do coche, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia - 061 informaron de que os ocupantes do vehículo foron atendidos no punto, pero que non necesitaron ser trasladados.